A USC e Amarelante desenvolverán bebidas vexetais derivadas da castaña

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e a cooperativa impulsan a I+D+i para desenvolver produtos vinculados á dieta atlántica

O proxecto de I+D+i impulsado pola APLTA e Amarelante traballará con soutos recuperados en Manzaneda. Foto: Castaña de Galicia.

Co obxectivo de desenvolver novos produtos vinculados á dieta atlántica e derivados da castaña, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC colabora xunto co Centro Tecnolóxico da Carne nun proxecto que promove e coordina a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante, con base no concello ourensán de Manzaneda, para deseñar, elaborar e comercializar bebidas vexetais derivadas do froito do castiñeiro.

A finalidade principal do proxecto no que van traballar conxuntamente estas tres entidades continúa a liña do obxectivo fundacional da cooperativa Amarelante, cuxo cometido principal pasa pola recuperación de soutos en estado de abandono para reactivar a produción de castañas de calidade en Manzaneda. A comercialización deste produto autóctono co selo de Castañas de Galicia e a elaboración de produtos con valor engadido, neste caso bebidas vexetais, constitúen outros dos propósitos da SCG Amarelante.

O proxecto ‘Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña’ comezará a dar os seus primeiros pasos nas próximas datas e os traballos previstos prolongaranse durante un período de tres anos. Durante o horizonte temporal deste proxecto, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC ocuparase da planificación das receitas dos novos produtos, así como do estudo e da aplicación dos tratamentos tecnolóxicos axeitados para, por un lado, conseguir produtos de calidade desde o punto de vista nutricional e tamén sensorial, e por outro, aumentar a súa vida útil. A iniciativa conta con financiamento de fondos europeos a través do Feader ao abeiro do programa de desenvolvemento rural de Galicia (2014-2020).

O persoal da APLTA da USC, situada no Campus Terra de Lugo, unha plataforma científico-tecnolóxica da USC que vén de ser distinguida na última edición dos Premios Galicia Alimentación promovidos polo Clusaga, xa conta con probada experiencia no deseño e no desenvolvemento de alimentos funcionais e enriquecidos, xa por iniciativa propia ou ben no marco do actuacións contratadas ou en colaboración con empresas e entidades.

Deste xeito, o compoñente tecnolóxico e ao asesoramento científico que prestará a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC abrangue múltiples tarefas e accións que van desde a elaboración e deseño das receitas dos novos produtos, a aplicación dos tratamentos térmicos de fabricación e mesmo a realización dos labores de caracterización analítica nutricional, sensorial e de propiedades físicas. Alén destes procesos previos á saída ao mercado da nova bebida vexetal, a APLTA da USC tamén se encargará de estudar a evolución dos produtos ao longo da súa vida útil a través da análises de todos os resultados obtidos.

O desenvolvemento deste proxecto de I+D+i ofrece, segundo destaca a USC, novas alternativas para o traballo que vén realizando a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante no que se refire a tarefas de recuperación dos soutos, limpeza e recollida da castaña ou o secado e procesado da fariña obtida deste produto, entre outros aspectos. Asemade, a entidade promotora e líder deste proxecto tamén terá unha participación activa na elección do produto final, xa que Amarelante participará nas análises sensoriais dos produtos seleccionados antes da súa saída ao mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *