“Mellorar a saúde integral do viñedo grazas á reactivación da biodiversidade microbiana probablemente reducida”. Detrás desta frase de Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Terras Gauda, escóndese unha investigación decisiva para os viños galegos que conecta os hemisferios Norte e Sur, dúas zonas xeográficas con características edafolóxicas e climáticas completamente distintas. Conséguense así resultados máis amplos e reveladores, e por tanto de maior valor científico, que son froito coa colaboración con Finca Von Wigstein (Alpamanta), unha adega arxentina que practica a vitivinicultura biodinámica e está situada en Mendoza, aos pés da cordilleira dos Andes
O proxecto, denominado Bettersoil, é unha aposta pola diferenciación e a sustentabilidade ambiental, centrado en restaurar a biodiversidade dos chans. Terras Gauda traballa en verificar como e en que magnitude implementar manejos de intensificación ecolóxica mellora o funcionamento do sistema chan-planta dun importante agroecosistema como é o viñedo. Farao observando os efectos directos nas comunidades microbianas do chan e a rizosfera (a parte de chan en contacto coas raíces vivas e que está baixo a influencia destas) e, indirectamente, na saúde e produtividade da vide, así como na calidade das uvas e do viño elaborado coas mesmas.
“A restauración da microbiota levaranos a un mellor equilibrio dos elementos esenciais para o chan e para as plantas. Isto desencadeará unha resposta específica na vide, a resistencia inducida, que estimula a capacidade do sistema inmunitario vexetal para facer fronte de forma natural aos microorganismos prexudiciais para a vide” explica Canas.
As do proxecto son técnicas que abarcan accións conxuntas levadas a cabo no viñedo e consideradas de forma holística: osixenación precisa do chan mesmo na liña de cepas, uso de diversas cubertas vexetais, eliminación manual de brotes superfluos, abonado exclusivo con vermicompost e redución ao máximo da aplicación de fitosanitarios, entre outras.
A adega comparará os cambios producidos no chan, a vide e o viño final cos dunha parecela testemuña
A adega analizará os cambios producidos pola aplicación destas técnicas no chan, a vide e o viño final realizando unha vinificación comparativa coa uva procedente dunha parcela testemuña. “Cremos que os cambios na microbiota do chan veranse reflectidos nos microorganismos que nos atoparemos na parte aérea, fundamentalmente nas poboacións de fermentos e bacterias que tanto inflúen na vinificación”, prosegue o director enolóxico.
Por último, o maior valor científico virá dado pola comparativa entre as conclusións obtidas por Terras Gauda e pola adega de Arxentina. Partindo de dúas latitudes contrarias: hemisferios Norte–Hemisferio Sur, con viñedos a diferentes altitudes 50-170 metros no caso de Terras Gauda, e ao redor de 950 no de Alpamanta; chans de lousa que achegan notas minerais fronte a tres tipos de texturas: areas, arxilas e limos; variedade branca, Albariño, en contraposición de tinta, Malbec, condicións climáticas tamén diferenciadas, así como as formas de cultivo. Unha información de sumo interese para corroborar a eficacia de introducir a intensificación ecolóxica no viñedo para mellorar a biodiversidade dos chans.
O proxecto desenvólvese no marco de Eureka, unha iniciativa europea intergobernamental de impulso á I+D+i cooperativa, que ten como obxectivo fomentar a competitividade das empresas europeas mediante o fomento da realización de proxectos colaborativos, tecnolóxicos e innovadores.
Fondos europeos
Terras Gauda lidera o proxecto, que conta co apoio do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial) cunha axuda cofinanciada de fondos Feder da Unión Europea. O orzamento total supera os 700.000 euros. Cunha duración prevista ata decembro de 2022, no proxecto colaboran, ademais, a Universidade de Vigo e o INTA (Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria) de Mendoza (Arxentina).
O anuncio do proxecto prodúcese cando a vendima en Terras Gauda está a piques de comezar. Farao o vindeiro luns, cunhas previsións excelentes. A uva está nun momento óptimo de maduración e de calidade, debido ás boas condicións meteorolóxicas das últimas semanas, o que tamén incide na produción, máis elevada que en 2019. A adega prevé superar os 1,7 millóns de quilogramos na recolección para elaborar máis de 1,5 millóns de botellas dos viños Terras Gauda, Abadía de San Campio, Terras Gauda Etiqueta Negra e La Mar.
A vendima desenvolverase baixo estritas medidas para velar pola seguridade dos traballadores, que realizarán o seu labor en grupos pequenos e identificados co obxectivo de garantir o seu benestar.
Deixa unha resposta