Campión mundial de piragüismo e hostaleiro de éxito en Tui. Manu Garrido comezou moi novo no mundo da hostalería e vai camiño dos dez anos conseguindo facerse un nome como hostaleiro case ao mesmo tempo que obtiña títulos de recoñecemento mundial padexando sobre as augas. Aproveitou os meses de confinamento para adestrar cando puido, pero tamén para concebir a súa expansión hostaleira. Con 21 anos montou a súa primeira tapería en Tui nun pequeno local antes de dar o salto a outro máis grande. Este venres vai estrear a ampliación deste último ao dobre de capacidade.
A súa esposa é cociñeira, Lara Bouzada, formada no Centro Superior de Hostalería de Galicia, onde atopou a inspiración. Logo veu a vocación de querer ter un negocio propio. “Hai anos comprobamos que estaba perdendo forza o de pedir cada un o seu prato no restaurante e que se puxera de moda o tema de compartir desde o centro da mesa”. Foi así como naceu a Tapería A de Manu. Agora, na era postcovid-19, entende que os comensais van preferir botar cando un do seu prato, aínda que matiza que se poden buscar fórmulas para seguir compartindo”.
Con 21 anos montou a súa primeira tapería nun pequeno local, este venres vai estrear unha gran ampliación
“Sei que a xente ten moito medo ou respeto, pero os locais que cumpran as normas serán os que estean cheos. A xente quere seguir vivindo, e a forma de facilitalo é controlar o aforo do local, e dar a máxima seguridade aos clientes. Creamos un restaurante que agora será moi seguro. Antes do peche tiñamos moitas ringleiras de xente esperando, iso sabemos que agora haberá que evitalo”, comenta o padexeiro e hostaleiro tudense.
Na etapa do confinamento, co restaurante parado, dedicouse a adestrar na casa para non perder a forma. Cando comprobou as medidas que se tiñan que tomar para retomar a actividade hostaleira foi cando decidiu dar o salto e ampliar. “Coas medidas que se van tomar, teriamos que reducir o cadro de traballadores á metade. Evitar que isto sucedese foi o motivo que nos levou a tomar a decisión de aumentar o aforo. Era un paso que tiña clarísimo que quería dar, pensaba facelo cando deixase o deporte. Houbo que adiantalo, pero tamén sucedeu porque agora podo relaxar un pouco os adestramentos e teño algo máis de tempo. Trátase dun proxecto moi ilusionante e creo que imos facer un cambio radical para mellor. Agora mesmo teremos o mellor local de Tui, cunhas vistas sobre o río Miño excepecionais”.
Garrido asegura que non cambiaría a infinidade de medallas conseguidas polos éxitos do seu restaurante
Este ano ten claro que non vai ter campionato do mundo en piragüismo, pero non quere perder a forma porque en setembro ou outubro podería disputar, se a pandemia o permite, o campionato de Europa. A pesar de que xa conseguiu infinidade de medallas como padexeiro, asegura que non as cambiaría polos éxitos do seu restaurante. “Para mín é un todo. De feito, sen o apoio que recibo da xente coa que traballo para poder adestrar, sería imposible facelo. Cando estiven competindo no campionato do mundo, foron alí a animarme 25 persoas do restaurante, é unha proba de que as dúas cousas xuntas funcionan na miña vida á perfección”.
Espera que aínda lle queden uns cinco anos competindo nas augas, a pesar de que un pequeno problema de cadeira está a darlle quebradeiros de cabeza. Admite que o estrés que lle da o mundo do hostalería consegue liberalo grazas aos seus adestramentos, que realiza a primeira hora da mañá, antes de comezar co restaurante. Normalmente madruga moito e o primeiro que fai é ir ao río a adestrar. Sobre as doce e media xa está no restaurante para empezar a súa xornada. Os días máis duros son os venres e sábados, porque no seu negocio pode rematar sobre as tres da madrugada, e ás oito xa está adestrando, con apenas catro horas de descanso. “Aí a motivación é pensar en que o fago para poder conseguir unha medalla nun campionato do mundo, e sei que todo o recoñecemento que vén despois paga a pena”.
A tapería é destacada polos viaxeiros entre os mellores restaurantes da provincia en Trip Advisor
A súa carta combina o tradicional coa innovación. Nela mestúranse carnes, peixes e mariscos, sempre co concepto de tapeo. A súa relación calidade prezo é o motivo que o leva a estar entre os dez mellores restaurantes da provincia de Pontevedra segundo as valoracións que fan os viaxeiros en Trip Advisor. “Creo que na relación calidade prezo estamos moi arriba. Toda a xente que traballa aquí ponlle moito cariño e iso se nota. Isto fai que o 98% dos clientes queden encantados. Tratas de restar importancia ás críticas que se fan, intentamos corrixir cando recibimos valoracións negativas, recoñezo que son un pao e doen. Gusta moito ler o positivo, pero cando veñen malas, entendemos que non podemos gustar a todo o mundo. Como deportista que son, sei como vai isto”.
Barista de café de campionato
Manu Garrido é barista de café despois de recibir unha formación previa en Madrid e varias localidades de Portugal. Como experto cafeteiro xa acudiu varias veces ao campionato internacional de baristas que se celebra en Foz. O barista é un profesional especializado na elaboración da bebida do café, é dicir, un profesional da hostalería, desde a barra, onde elabora o café, ata a sala, onde o serve e dá ao cliente as explicacións pertinentes.
O seu traballo céntrase en coñecer á perfección a máquina exprés coa que traballa e ser o responsable de converter cada cunca de café nunha obra de arte lista para ser servida. Para iso, encárgase de revisar detidamente a calidade do café pola súa orixe, tratamento recibido, tipo de toste e método de elaboración adecuado para extraer as súas características. Tamén ten que revisar a auga, a súa temperatura, a frescura do produto, a emulsión do leite e o punto de moído, entre moitos outros factores. Ademais, el é o responsable de crear a carta do establecemento cos diferentes tipos de bebida, incluíndo os cócteles co café como ingrediente, e usando diferentes tipos de leites, esencias e licores, entre outros. “Para min o café é moi importante porque é o último que levas para casa cando rematas unha comida, polo que nós lle damos moita importancia”, conclúe.
Deixa unha resposta