Os percebes de Baiona son os máis fértiles de Galicia. Isto é o que se desprende do estudo realizado por Salvador Román, investigador do grupo de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo. Mentres que no resto da comunidade un percebe ten entre tres e catro postas por ano, no caso de Baiona nos anos estudados sempre está por riba de cinco. No exemplo concreto do ano 2018 chegou a case oito postas de reprodución nun só ano.
Salvador Román é un dos investigadores que traballa no proxecto europeo Percebes. Esta iniciativa partiu co obxectivo de desenvolver ferramentas para predicir as implicacións das diferentes opcións de xestión espacial sobre a produtividade local dos bancos deste crustáceo, así como a biodiversidade asociada e a conectividade entre subpoboacións en Europa, concretamente na Bretaña francesa, Asturias, Galicia e o Algarve. Neste proxecto traballa a Universidade de Vigo xunto á de Oviedo, e investigadores de universidades portuguesas e francesas.
No 2018 en Baiona chegou a case oito postas de reprodución polas tres ou catro que se dan normalmente no resto de Galicia
A este proxecto chegou tras o seu traballo fin de máster no que estudou o periodo de reprodución e de reclutamento das larvas que volven á costa. As larvas do percebe teñen un período planctónico que se desenvolve no mar, e unha vez desenvolto regresan á costa. Aí é cando o percebe comeza a crecer e convértese nun individuo xuvenil. Isto tamén vai depender do tamaño dos adultos analizados. Non é o mesmo analizar adultos de pequeno tamaño que ter un talle xa mínimo, porque canto máis grandes sexan os percebes terán unha posta de reprodución maior.
Os percebes de Baiona teñen de especial que se produce un período reprodutor continuado durante todo o ano. O percebe por norma en toda Galicia ten o seu punto álxido de reprodución en verán -nos meses de xullo, agosto e setembro-, e logo nos meses de inverno -en decembro, xaneiro e febreiro- non se reproduce. Pero en Baiona dáse a circunstancia de que neses meses, aínda que con menos intensidade, si que se continúa reproducindo. A particularidade de Baiona xa foi estudada con anterioridade nun estudo do ciclo biolóxico do percebe en Galicia por J. Morales en 1993.
O motivo deste fenómeno reprodutor é aínda descoñecido, pero hai varias causas posibles que poden ter que ver coa temperatura da auga ou do aire, os ventos ou os afloramentos de auga das profundidades. Outro factor podería ser que nesta zona exista un maior aporte de alimentos que noutras, e que grazas a esa mellor alimentación alonguen o seu período reprodutor.
A conclusión de Salvador Román sobre os motivos que poden levar a que Baiona sexa un lugar privilexiado para a fertilidade dos percebes ten relación coa temperatura mínima do aire. “Parece que nos momentos de marea baixa, que é cando os percebes quedan emerxidos, aféctalles bastante a temperatura do ambiente”. Estes son estudos preliminares, que terán a súa confirmación a partir do próximo mes de maio, data na que remata o proxecto.
A temperatura mínima do aire pode ser unha explicación a esta fertilidade dos percebes nesta zona da costa galega
A conectividade e a transferencia larvaria entre distintas partes de Europa é o obxectivo principal do proxecto Percebes. Ese importante número de larvas que saen de Baiona van saír cara a outro lugar. Por iso é importante facer unha xestión global do recurso e non só de forma local. As larvas do percebe pódense desprazar entre 200 ou 300 quilómetros.
Por exemplo, en Baiona reciben moita transferencia de percebes que se reproducen no norte de Portugal. E o lóxico, debido ás correntes en Galicia, é que tendan a ir cara ao norte, e que moitos percebes da zona da Coruña, ou mesmo de Corme, sexan percebes nados en Baiona. “Isto non quere dicir que non puidesen ser de larvas asturianas. O que si debemos ter claro é que as larvas viaxan centos de quilómetros”.
Tamén existe o autoreclutamento, é dicir, percebes que son nacidos e criados no mesmo lugar, pero estes son unha minoría con respecto ao número de larvas que veñen doutros lugares. Moi poucas larvas volven á mesma rocha da que saíron, ou á mesma zona. Baiona ten unha reprodución de percebes moi alta, pero non se están quedando aí. “O que sucede é que non se pode alterar o proceso en Baiona para que se queden, porque podería afectar a diferentes zonas. Hai distintos modelos de xestión e no futuro seguro que se poderá chegar a un traballo de forma conxunta neste tema. Agora mesmo a xestión é bastante local”.
Unha boa parte das larvas teñen unha migración de 200 ou 300 quilómetros, moi poucas regresan á costa e quedan onde naceron
Outro fenómeno que inflúe no número de percebes que se quedan no lugar onde nacen é a mortalidade das larvas. Cando un percebe se reproduce libera millóns de larvas e logo moi poucas volven á costa, a meirande parte morre na viaxe. Canto maior sexa a temperatura da auga, menor é a duración desta viaxe. Iso significa que viaxarían menos. Tendo en conta que o cambio climático produce un aumento de temperatura, isto provocaría que as larvas se desprazarían menos e terían un menor tempo de desenvolvemento na auga. Se este período se acurta demasiado, non lles da tempo para volver á costa en plenitude de forma.
O pasado mes de xaneiro tivo lugar en Asturias unha reunión entre percebeiros, investigadores e produtores para analizar a situación actual do crustáceo. Unha proposta que realizou Salvador Román foi a de crear unha pequena zona de reserva natural de aproximadamente un quilómetro cada cen quilómetros de costa. Isto posibilitaría ter una zona que permanentemente estea liberando larvas, das que se beneficiarían os territorios onde está o recurso. Tamén serían lugares de control que permitirían estudar o recurso no seu hábitat sen a presión humana extractiva.
Deixa unha resposta