Como obter antioxidantes dos residuos do café

Investigadores españois deseñan un método que permitiría fabricar alimentos funcionais ou produtos farmaceúticos e cosméticos a través dos refugallos do café

Dos refugallos do café pódense obter antioxidantes de forma rápida e barata

Un equipo de investigación da Universidade de Córdoba conseguiu substancias que potencian os beneficios antioxidantes de alimentos e produtos farmacéuticos a partir de restos da industria cafeteira. Nun proceso onde aplican os chamados disolventes ‘verdes’, os expertos desenvolven un método máis rápido e eficiente para a extracción destes compoñentes.

O grupo investigador persegue dar valor aos residuos do café recuperando estas substancias saudables e minimizando a xeración de refugallos. Así, nun estudo publicado pola revista Separation and Purification Technology, os investigadores demostran que os disolventes chamados supramoleculares, permiten obter extractos ricos en compostos de valor engadido para outras industrias a partir de residuos de alimentos a un baixo custo e de maneira rápida.

Os disolventes supramoleculares (SUPRAS) son líquidos cunha estrutura interna diminuta, formada por agregados do tamaño de micras ou nanómetros, un diámetro mil veces menor ao grosor dun cabelo. A súa síntese é moi simple e pouco custosa, teñen baixa toxicidade e son sostibles, xa que poden obterse de fontes renovables. Empréganse ingredientes que son de amplo uso en alimentos e en cosméticos para facilitar o seu uso nestas industrias.

Os extractos dos residuos de café mostraron efectos antimicrobianos idóneos como suplementos en alimentación

O termo supramolecular foi acuñado por este equipo de investigación e hoxe día é usado por toda a comunidade científica. “Tamén son coñecidos como disolventes ‘verdes’ ou ‘intelixentes’ xa que, ademais, teñen a capacidade de modificarse en presenza dun estímulo externo, como pode ser a temperatura ou a adición de sales, e volver ao seu estado natural unha vez que recupera as súas características iniciais. Isto permite que sexan moi funcionais e versátiles”, indica a investigadora da Universidade de Córdoba Ana Ballesteros, coautora do artigo.

Ademais, os extractos obtidos dos residuos de café mostraron unha alta capacidade antioxidante e efectos antimicrobianos idóneos para utilizalos como suplementos en alimentación e cosmética. “A extracción con SUPRAS ofrece métodos rápidos, simples e de baixo custo e teñen un alto potencial para aplicarse directamente á extracción de bioactivos de subproductos da industria alimentaria, como é o caso do café”, engade a investigadora.

Café para espertar á industria

Segundo a proposta deste estudo, a través da extracción con estes disolventes, lógrase un método económico e simple co que os compostos bioactivos, aqueles que benefician ao organismo, quedan separados e dispostos para o seu uso. Ao mesmo tempo, dáse valor aos residuos do café ao non requirir un gran investimento para a obtención das substancias beneficiosas que producen, o que potenciaría a actividade de áreas produtoras de café en países en desenvolvemento como Colombia.

A técnica utilizada conleva unha fase rápida dun minuto de axitación dos pozos de café co SUPRAS e unha posterior separación por centrifugado a temperatura ambiente do produto. Conséguese separar así o disolvente ‘intelixente’ dos restos insolubles da mostra. Para recuperar a maior cantidade posible de bioactivos dos residuos de café, estudáronse distintos ingredientes para formar os disolventes. Tamén se investigou o tempo que debía estar en contacto co residuo de café e o volume para empregar do mesmo.

Proponse usar un alcol utilizado en perfumes e como saborizante en alimentos, para comezar as probas de validación comercial

Despois da identificación e caracterización dos extractos obtidos, os expertos conclúen que a cafeína e os ácidos clorogénicos, son os dous representantes principais de alcaloides e polifenoles, respectivamente, entre outra gran variedade de bioactivos cunha alta capacidade antioxidante e que están presentes nestes residuos.

Entre os diferentes disolventes supramoleculares utilizados, os investigadores propoñen o uso de SUPRAS de hexanol, un alcol utilizado en perfumes e como saborizante en alimentos, como o idóneo para comezar as probas comerciais que validen este método limpo e rendible para a súa aplicación directa na industria cafeteira.

O estudo financiouse a través do proxecto Bio-disolventes supramoleculares funcionais para o desenvolvemento de tecnoloxías extractivas sostibles no sector agroalimentario do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *