Cando un vai a un restaurante galego, ou en xeral de España, está mal visto pedir auga da billa. Isto non sucede noutros países europeos, pero aquí si. O costume de beber auga embotellada levou a que se experimente esta sensación. Desde hai 5 anos, unha empresa santiaguesa tratou de mudar este xuízo. AguaKmCero vende un servizo que consiste en tratar auga da billa e servila en botellas de cristal de deseño.
Na orixe desta firma compostelá, hai case 20 anos, xa se adicaban ao tratamento e potabilización de augas. No 2015 viron que esa auga que trataban podían levala ao consumidor final do mesmo xeito que levas unha botella de auga mineral. Con isto podían ademais aforrar en envases, plásticos e contaminación. A inspiración era deles, pero descubriron entón que en Francia esta idea xa estaba posta en marcha. Os establecementos hostaleiros poñían auga da traída tratada. Comprobaron as leis que debían cumprir para dar este paso, e a través de fabricantes italianos que xa facían aparellos para converter incluso a auga da rede en auga con gas, comezou a súa andaina.
Teñen unha gama ampla de modelos que posteriormente personalizan para cada cliente. O modelo da botella non é exclusivo, pero si a mensaxe que leve escrita, ou o logo que vaia co negocio que contrata os seus servizos. Está é unha forma de que o feito de pedir auga da billa nun restaurante non estea mal visto. “Un dos nosos puntos fortes é poñer en valor a auga local de cada cidade. Sabemos que en España temos un auga súper controlada. Igual que un tomate, unha leituga, ou calquera alimento, podes manipulalo para darlle un sabor e gusto distinto. Nós facemos o mesmo coa auga. Tratamos de afinala para que sexa perfecta”, comenta Alejandro Argibay, CEO da empresa.
Por suposto existen diferenzas da auga segundo o lugar. Non é o mesmo a auga galega que a de Barcelona ou Valencia. Neste sentido, o que fan é diminuír o exceso de minerais para que auga teña un equilibrio. En cada zona traballan con sistemas de tratamento diferentes, e coas particularidades de cada auga. “Hai variacións entre as aguas de Murcia e as de Asturias. Buscamos o sistema de filtración ideal para cada zona. Facemos ademais constantes auditorias e revisións dos nosos procesos. Temos que garantir que o resultado final teña a calidade alimentaria demandada”.
A auga galega é moi boa. Segundo a opinión de Alejandro Argibay, “é súper segura. Podías beber auga da billa toda a vida e non hai un informe científico que diga que vas vivir menos que tomando auga mineral ou doutra fonte. Calquera auga da rede está máis controlada que calquera alimento que vaias consumir”.
“Podías beber auga da billa toda a vida e non hai un informe científico que diga que vas vivir menos”, di o CEO da empresa
Cal é o motivo, entón, de que non se beba? O único problema é o sabor e o olor. Temos costume de beber auga embotellada, que non recibe ningún tratamento. Sae do manancial e directamente chega a nós. En cambio, a auga da billa ten sabor, e incluso ule mal ás veces, organolepticamente non é tan boa como a mineral. O seu sabor non é tan agradable porque non é tan neutro, xa que sabe a cloro, a quilómetros de tubaxe polos que pasa ata que sae pola billa, a materia orgánica, a terra. “Nós o que facemos é preservar a calidade que xa ten a auga, e facer que saiba e ula mellor, nada máis. Hai moita xente que pensa que a auga de botella é máis segura, que é mellor para os nenos. Isto non ten fundamento ningún. A imaxe que temos en España da auga da billa é mala, pero non é correcta. Todo o mundo debería ter claro isto. O que sucede é que o marketing, e a industria da auga embotellada, poden facer que pensemos de forma sutil que é doutra maneira”,apunta Argibay.
Unha das bazas que xoga ao seu favor é o aspecto medio ambiental. Non transportan, non almacenan, non xeran case CO2 nin outro tipo de residuo ao medio ambiente cada vez que se consome a súa auga, xa que se trata dun proceso circular, non é consumir e tirar. Consumir, lavar e volver a encher. Así de forma infinita ata que raches coa botella. “O mesmo ciclo que pode ter un prato ou unha copa nun restaurante. O cristal é un material que respeta moito o contido”.
Non transportan, non almacenan, non xeran case CO2 nin outro tipo de residuo ao medio ambiente
Agora mesmo traballan sobre todo coa hostalería media-alta, xa que eles buscan ese respecto polo medio ambiente, co propósito de eliminar ou diminuír o consumo de plástico, e tamén empresas que teñen esta conciencia. Na súa presenza en redes sociais nótase que a alta cociña está moi implicada en AguaKmCero. Durante os primeiros anos entenderon que debían posicionarse neses sectores de hostalería e empresas. Polo momento atenden poucos clientes particulares, pero aínda non é unha canle que traballen moito.
Unha das polémicas que xerou este sistema consiste en que os restaurantes venden a auga da billa aos seus clientes, e o CEO da empresa santiaguesa trata de xustificalo. “Para eles ten un custo. Isto non é auga da billa de maneira directa. Tamén un café leva o 90% de auga corrente, e pagamos por ela. Hai un proceso e o hostaleiro cóbrao. De tódolos xeitos, o que fan a maior parte dos nosos clientes é reducir o prezo: se unha botella de auga mineral costa 2 euros, a nosa auga costa 1. Prodúcese un aforro medio ambiental e tamén económico. Se un cliente pide un vaso de auga da billa, o normal é non cobrala, pero a nosa non é esta auga tal cal”.
A Asociación Nacional de Empresas de Auga de Bebidas Embotelladas protesta e critica este tipo de firmas
Os restaurantes ao principio combinaban a venda desta auga da billa coa embotellada, pero agora, co paso dos anos, viron que a clientela entendía o produto, e a auga mineral foi deixando de ter presenza. A Asociación Nacional de Empresas de Auga de Bebidas Embotelladas protestou por empresas como esta de Santiago, criticando a súa hixiene, e que se cobre por auga da billa. “Somos unha ameaza para o seu negocio, de momento non moi grave, pero entendo que cada un defende a súa empresa. Nós non vendemos unha máquina ao hostaleiro e marchamos. Damos un control durante todo o tempo que teña o servizo, ata o resultado final. A hixiene é igual que cando tomas unha cervexa de barril”.
Alejandro Argibay fai outra reflexión que ten que ver co negocio. Canto lle vale unha botella mineral a un hostaleiro? “Cústalle 18 ou 20 céntimos, e logo cobra 1,5-2 euros aos seus clientes. A nosa ten un coste igual que o ten a embotellada. O produto en si ten un coste ridículo, o que se cobra por parte dos restaurantes son os gastos do local, persoal…”.
O modelo de negocio de AguaKmCero creceu notablemente, e nótase nos ingresos que tiveron desde os primeiros anos, cumprindo os obxectivos previstos. Só nos dous primeiros anos facturaron case dous millóns de euros. Agora teñen un rival catalán que cambiou unha letra na súa marca, Km Zero, e que está reclamado xudicialmente pola santiaguesa, xa que “nós fomos primeiros, e logo atopamos esta copia”.
Deixa unha resposta