Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia, presentou os oito proxectos que serán impulsados na súa segunda edición, tras a celebración da xornada de presentación, na que se puideron coñecer de maneira públicas as iniciativas.
Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Juan Manuel Cividanes, director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e Fernando Guldrís, director xeral de Xesgalicia, deron a coñecer os proxectos seleccionados, facendo fincapé nas solucións innovadores que achegan para facer fronte aos retos da industria alimentaria galega nas áreas da dixitalización e automatización, loxística, sustentabilidade, packaging e desenvolvemento de novos produtos.
Todos os proxectos accederán ao programa de apoio integral e especializado de nove meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como a financiamento por parte da Xunta. En concreto, accederán a un financiamento por parte de Gain de 25.000 euros a fondo perdido e dun préstamo participativo, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 50.000 eurosa través de Xesgalicia.
Os proxectos seleccionados na segunda edición de BFFood son os seguintes:
Biopraedium, iniciativa de Santiago de Compostela que dá solución ao reto de desenvolvemento de novos produtos, poñendo ao dispor dos seus clientes unha gama de solucións domésticas co autoconsumo e a sustentabilidade como eixos principais. Hidroponia, aeroponia e acuaponia son algúns dos sistemas cos que xa traballan. Rubén Hidalgo, director CAPSA V.I.D.A. de CAPSA FOOD (Larsa), exercerá como mentor deste proxecto.
Galinsect, proxecto vigués que presenta solución ao reto da sustentabilidade no sector. Ofrece a cría e comercialización de insectos para satisfacer a demanda de proteína limpa e sostible medioambientalmente, para mercados acuícola, gandeiro e de mascotas. Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D e Calidade do Grupo Nueva Pescanova, e Carlos Alberte, director técnico de viticultura de Viña Costeira, mentorizarán esta iniciativa.
HEROOJ, proxecto presentado desde Barcelona ao reto de desenvolvemento de novos produtos. Concretamente, hidroxeles, barritas enerxéticas, hipertónicos e isotónicos totalmente ecolóxicos e naturais, feitos con base de auga de mar, enfocados a deportistas de resistencia e cun packaging compostable. Antonio Cortés, director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa, e Xaquín Antón, director de proxectos de I+D+i de Clavo Food Factory, encargaranse da mentoría desta iniciativa.
HK Smart Food, iniciativa procedente de Lugo que dá resposta ao reto dixitalización e automatización da industria. Facilita a xestión e garante a trazabilidade, seguridade e sustentabilidade dos produtos que operan na canle Horeca, conectando en tempo real ás marcas cos seus clientes. Alejandro Álvarez, director financeiro de Cafés Candelas, exercerá como mentor deste proxecto.
Stateralabs. Liposomas de DHA con curcumina e vitamina D, proxecto de Santiago de Compostela que desenvolve novos produtos. Establece a creación de tres liñas de produtos: Healthinfoods (nutracéuticos orientados a deportistas, embarazadas e persoas con doenzas), Equinhealth (biocéuticos para cabalos de competición) e Healthinfoods Bioactives (ingredientes bioactivos para distintas matrices alimentarias). Ruben Hidalgo, director CAPSA V.I.D.A. de CAPSA FOOD (Larsa), e Iago Quintana, director Xeral de Dairylac, mentorizarán esta iniciativa.
Smart vitamins. Nanocápsulas bioactivas para enfermidades autoinmunes, idea desenvolvida no CIMUS polo laboratorio de María José Alonso, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela e experta no campo da tecnoloxía nanofarmacéutica e a nanomedicina. Busca validar o efecto biolóxico dunha emulsión de nanocápsulas de compostos bioactivos facilmente integrables en diferentes alimentos, para o tratamento de enfermidades neurodegenerativas e autoinmunes, administrables por vía oral. Roberto Alonso, xerente do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), exercerá como mentor deste proxecto.
SITRAV. Sistema de trazabilidade avanzado, iniciativa procedente de Marín (Pontevedra) que busca solución ao reto da dixitalización e automatización da industria. Desenvolve un sistema intelixente de trazabilidad de recollida, explotación e posta ao dispor de datos relacionados cos sistemas de produción industrial. Mónica Cascallar, directora de Innovación de Congalsa, mentorizará o proxecto.
Kiwanda. Solucións RFID para inventario e trazabilidade, proxecto de Santiago de Compostela que aborda o reto loxístico da industria. Ofrece unha solución aos problemas de inventario e trazabilidad na cadea de subministración, automatizando procesos de identificación e control, grazas á tecnoloxía RFID. José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, exercerá como mentor desta iniciativa.
Apertura primeira convocatoria de consolidación de BFFood
BFFood presentou a súa primeira convocatoria de consolidación, cuxo prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o 3 de febreiro ata o 31 de marzo ás 14.00 horas na web bffood.gal.
O programa de consolidación de BFFood está enfocado a empresas xa constituídas, con menos de seis anos de antigüidade, cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas, e aliñadas con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario.
Ata seis proxectos poderán ser seleccionados nesta convocatoria de consolidación na que recibirán formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento a través dun préstamo participativo por parte de Xesgalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros.
Esta nova convocatoria conta co apoio de grandes empresas tractoras do sector, como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, CAPSA FOOD, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira, que se encargarán do proceso de mentoría dos proxectos que resulten seleccionados.
Deixa unha resposta