Os alucinantes ovos azuis das galiñas araucanas

Galicia conta con 9 criadores dos 40 que poden existir en España desta especie procedente do centro-sur de Chile

A cor azul é debido a unha glándula que é o que tingue o ovo

Galicia é unha potencia a nivel español cando falamos de ovos de galiña. Nos ecolóxicos só se ve superada polos cataláns, con case 13 millóns de producción anual de ovos. Pero agora tamén colleu a dianteira nos ovos que máis de moda están, os ovos azuis das galiñas araucanas. Na nosa comunidade podemos atopar 9 criadores dos case 40 que compoñen o Araucana Club, unha entidade que reúne aos produtores de toda España.

Trátase dun ovo que os deportistas reclamaban moito, porque aseguraban que tiña máis proteínas e menos colesterol, a pesar de que hai estudos recentes que rexeitan esta teoría e que indican que son ovos coas mesmas propiedades que os outros. A crenza de que son mellores fai que en Madrid cheguen a pagar ata 20 euros por unha ducia destes ovos. Silvia Durán foi a pioneira galega coa súa explotación de Finca Azureira en Xermade, onde ten 200 galiñas araucanas ou mapuches. Podería ter máis, pero este verán o bexato (un ave de rapina) levoulle 4 pitos por noite. Tras facer uns cursos en Lugo da cría e produción de galiñas, comezou con esta aventura hai xa 3 anos.

Galiña araucana

As galiñas araucanas non limpan moito o terreo. De tamaño son a metade dunha galiña común. Teñen barba e non posúen cola. As que ten Silvia Durán son de tipo xermano, e cada galiña costa 40 euros, aínda que depende das modas nas cores. Por exemplo, as de cor prata están en torno a 60 euros. A idea que ten esta produtora lucense é poder chegar ás 1.500 galiñas. Esta raza procedente do centro-sur de Chile ten as súas peculiaridades, xa que son menos poñedoras. Adoitan pór un ovo cada dous días, o que vén dando menos de 200 ovos por ano. Os ovos teñen unha cor azul verdosa, son máis duros na súa casca e contan con máis xema que clara. Isto vai moi ben para a repostería. A cor azul é debida a unha glándula que segrega biliverdina, que é o que tingue o ovo. Se a galiña pon un ovo ao día, o azul é máis claro, se pon cada dous ou tres días, é máis escuro.

“Se lles dera penso, poñerían tódolos días. Probei a facelo, e si que poñían a diario, pero acabou sendo un ovo común, moi comercial, sen cor, e iso non é o que quero. Os ovos que vendo eu son caseiros, e iso fai que non saque moita produción”, comenta a produtora de Xermade. É a cor o que puxo de moda estes ovos e o que fixo que moitos vaian ata a Finca Azureira na busca desta rareza.

Finca Azureira en Xermade vende as ducias destes ovos a 4 euros, pero en Madrid chegan a pagar 20

Silvia vende a ducia a 4 euros porque “en Galicia, onde todo o mundo ten galiñas, non podes vender a ducia a 20 euros como fan en Madrid”. As galiñas deixan de poñer durante 3 meses ao ano, normalmente cando se produce un cambio de temperatura coa chegada do inverno. Na Finca Azureira teñen 400 galos ademais das galiñas. “Eses si que me limpan a finca, porque comen moito. Ao pasar un tempo sen pór as galiñas, é a forma que teño de conseguir outra rendabilidade nesta época”. A Silvia, o da comercialización dos ovos vénlle de familia, xa que o seu avó tamén o facía.

A alimentación da galiña é fundamental. Comen cereais e pasto. “Logo botan man das hortas que teño, pero nada máis ven nacer algo, xa o comen”. A idea inicial de Silvia Durán era criar en liberdade as galiñas, utilizando uns galiñeiros móbiles que podía trasladar de leira en leira, pero agora está a repensar todo o proxecto, dado o  alto custo que tiña esa fórmula.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *