Facer a cola no Glaccé é unha tradición coruñesa da véspera de Reis que se vén cumprindo desde hai moitos anos. Diante da porta desta confeitería cada día 5 de xaneiro, aproximadamente entre as 5 e as 6 da mañá, chega o primeiro dunha ringleira que horas despois será imposible de alcanzar coa vista. Estas persoas agardan a que abran as portas e poder así mercar o seu famoso roscón de Reis. A pesar do estudo da OCU sobre as calidades dos roscóns de supermercado, aínda hai moita xente que segue optando polo roscón artesán.
Aquí sempre hai “overbooking”, comenta Mari Carmen Gómez, unha das cabezas visibles desta pequena pastelaría da rúa Menéndez Pelayo. Ela comezou con 14 anos a traballar en Glaccé, onde a súa nai Mary Martín, que o pasado 21 de decembro cumpriu 96 anos, é a cara desta confeitería desde hai 55 anos. Todo aquel que ía ao Glaccé sabía que ela estaría alí para entregar o roscón de Reis. Este ano iso non vai ser posible, xa que Mary sofriu unha caída e está convalecente. A súa filla admite que por isto vai ser un ano atípico, “non estamos colocados sen ela aquí. Vai ser un ano en stand by“.
Nesta época teñen máis demanda que produción, pero é o día 5 cando chega a tolemia. O que os propios donos de Glaccé consideran como unha “histeria colectiva”. “O día 5 é mortal. Existe como unha euforia de facer a cola ,e á xente gústalle ser dos primeiros en mercar o roscón. Gozan coa idea de quedar para cumprir coa tradición. Moitos xa se coñecen e só se ven este día. Comentan entre eles que prefiren facer esta ringleira que encargar”. O tempo de espera varía, pero poder chegar ata case as tres horas. O horario de apertura habitual é ás 9:30 da mañá, pero ese día 5 por “deferencia” co público optan por abir ás 8 da mañá. Iso implica que dúas persoas teñan que deixar de producir para poder despachar roscóns.
Cando notan que só lle quedan 50 ou 60 roscóns por vender, é cando deciden ir avisando, para que os que xa van quedar sen roscóns, marchen. Sen embargo, a conta varía, xa que depende tamén do número que leva cada persoa que está na cola. “Tratamos de cortar a ringleira segundo ese cálculo que facemos do que está no forno. Pero moitos prefiren esperar por se acaso os nosos cálculos non acertan”. O día 6 hai un pouco menos de xente, porque unha vez pasada a hora do almorzo a afluencia decae, aínda que tamén abren pola tarde.
Os segredos deste doce artesán impiden revelar unha fórmula máxica que levanta paixóns
“Notamos moito que vén a xente de fóra de A Coruña, moita da que vive en Madrid, son clientes de toda a vida que teñen incluso mono se notan que lles falta o roscón” asegura Mari Carmen Gómez. Do 1 ao 10 de xaneiro non aceptan encargos. Xa só hai venda libre. Venden durante todo o ano, e no resto do Nadal o incremento de vendas e encargos é enorme, xa que hai quen decide compralo antes e conxelalo para o día de Reis. “Algúns deciden conxelalo, e outros xa o comeron e celebraron o Papa Noël comendo roscón como se fose Reis”. O roscón de Reis de Glaccé levanta máis paixóns que o de Pascua, quizáis por esa concentración de visitantes destes días.
Os segredos deste roscón son varios. Por unha parte non se atreven a dicir o número que venden, porque resulta incontable ante unha demanda tan elevada como a que teñen nestes días. E por outro lado está a receita. Os artesáns do roscón que hai en Galicia gardan o seu toque máxico como se fora o da fórmula da Coca Cola. “Levan o que levan todos. Ovos, leite, manteiga, azucre, e non hai máis. A materia é a mesma en todos, sota, cabalo e rei”. O misterio está no que fai que un sexa máis rico que outro, e Mari Carmen di “iso é a artesanía. O outro son máquinas e aquí son persoas as que fan todo, e iso cando o comes claro que se nota”. O roscón de Reis do Glaccé leva unha figuriña do Rei dentro -isto só sucede cos destes días-, pero non leva recheo ningún. As froitas confeitadas por riba, e o roscón máis tradicional.
Deixa unha resposta