Remedios contra a resaca: que tomar para combater os excesos do Nadal

Videoblog da nutricionista Amil López onde nos ofrece un menú a base de ovos, atún e vitamina C

As despedidas de ano e estes días de celebracións navideñas adoitan conlevar excesos. Se isto sucede, é cando convén botar man dos consellos que nos ofrece Amil López na videoblog de Xantar Coherente. Se estamos a sofrir eses síntomas que temos despois dunha noite na que nos pasamos un pouquiño co alcol, e agora estamos a pagar as consecuencias do que coñecemos como resaca, é recomendable poñer en práctica estas suxestións nutricionais.

O primeiro de todo é beber dous vasos de auga nada máis erguerte da cama. Logo é recomendable substituir o café por unha infusión dixestiva de menta, fiuncho ou antiinflamatoria de xenxibre ou cúrcuma. Deste xeito activarás a eliminación de toxinas.

A autora da Dieta Coherente asegura que tamén é conveniente incluír algunha froita de tempada, sobre todo as que teñen moita vitamina C, porque a  fructosa asociada á vitamina C favorece a eliminación de toxinas e do alcol. Pódese facer cun tomate refregado en torrada, ou tomando amorodos, framboesas ou cítricos, que se atopan agora na súa tempada. Nestes días de resaca´non convén abusar dos cereais refinados. Sempre é mellor que se opte polo pan integral e non polo pan de molde. Desta forma vanse liberando os azucres de forma gradual, e permítenche facer fronte ao cansazo e esgotamento habitual despois dunha noite de festa.

Debemos cambiar o café por unha infusión dixestiva, relaxante ou antiinflamatoria

Segundo as explicacións da nutricionista Amil López, é importante tamén que se inclúan no noso menú en días de resaca ovos e/ou atún. Os ovos polo seu contido en cisteína favorecen a metabolización do alcol, e o atún polo contido en alfa cetoglutarato, que é unha enzima que axuda a eliminar, ou cando menos a diminuír, as típicas dores de cabeza destes días. O atún é un alimento que favorece a correcta irrigación sanguínea dos tecidos, proporciona osíxeno e elimina toxinas.

En resumo, o menú axeitado para combater a resaca estaría composto por unha tortilla francesa, ou tortilla de atún, acompañada dunha torrada de pan integral con tomate refregado, un zume de laranxa, e cambiar o café por unha infusión dixestiva, relaxante ou antiinflamatoria que sexa do teu gusto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *