A busca de alternativas para as persoas que padecen celiaquía, a alimentación saudable entre a poboación sénior, e os cultivos de cereais en sombra, foron os proxectos gañadores da segunda edición dos premios organizados pola Cátedra do Pan e do Cereal da USC, en colaboración co Grupo Dacunha. Os Premios a TFG e TFM tiveron unha convocatoria dotada en metálico cun valor de 1.750 euros, ademais dunha bolsa de emprego por un período de seis meses no Grupo Dacunha. Isto permite recoñecer o carácter innovador das propostas formalizadas por universitarios no Campus de Lugo da USC a prol dunha alimentación máis sustentable e saudable capaz de dar resposta ás novas necesidades da poboación.
A celiaquía, e achega de alternativas para sortear as limitacións propias das persoas que sofren intolerancia ao glute, está no xerme proxecto presentado polo graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) Roberto López Toja no TFG titulado ‘Panificadora de pan precocido conxelado para celíacos, produción de 4.000 quilos día situado no polígono de Alvedro’. A súa candidatura mereceu o primeiro galardón outorgado polo xurado dos II Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, do que formaron parte a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, o xerente do Grupo Dacunha, Manuel Dacunha Pereira, o técnico da referida empresa, Fernando Almeida, e os catedráticos da USC Mª Ángeles Romero Rodríguez e Santiago Pereira Lorenzo, coordinadora e integrante da Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC.
A proposta empresarial de López Toja, agasallada neste certame con 1.000 euros, ademais da posibilidade de gozar dun contrato laboral no Grupo Dacunha, ten en conta os rigorosos mecanismos de control durante todo o proceso de elaboración do pan, desde a moenda do cereal, a fase de amasado do pan, cocido e distribución, que reportan maiores garantías cara ao consumidor. O proxecto integra asemade unha serie de técnicas innovadoras aplicadas ao método tradicional de panificación, como é o emprego de masa madre, ao tempo que documenta polo miúdo nos procesos de construción e edificación da industria pautas de máximo respecto a parámetros relacionados coa seguridade e a saúde, residuos de construción, planos…
Un 1% da poboación en Europa presenta intolerancia ao glute e todo apunta a que medrará
Alén da calidade técnica e científica e da súa viabilidade empresarial, a execución deste proxecto serviría para cubrir as necesidades alimenticias da poboación que é intolerante ao glute, unha porcentaxe que en Europa se sitúa arredor do 1% e todo apunta a que medrará. Ademais, os datos manexados apuntan a que nove de cada dez persoas intolerantes ao glute consumen pan.
Poboación sénior
A alimentación saudable entre a poboación sénior e a súa inxestión de pan centra o TFG realizado polo graduado en Nutrición e Dietética Javier Cancela Rodríguez. O autor deste traballo, agraciado cos 500 euros do segundo premio, fai unha radiografía, a partir de 150 enquisas persoais con cuestionario deseñado e validado, dos hábitos de consumo de pan entre a poboación sénior, así como dos cambios experimentados respecto do consumo deste alimento ao longo da vida, coñecementos sobre a composición, efectos sobre a saúde…
As achegas deste traballo de campo son diversas, aínda que permiten constatar o descoñecemento entre a poboación de máis idade da relación entre hidratos de carbono e saúde. Aínda así, máis do 80% dos consultados estima que non é preciso eliminar o pan da dieta para adelgazar. A continuidade do pan na mesa está garantida para máis do 90% das persoas enquisadas, que tamén recoñece un empeoramento do sabor e da textura deste produto alimenticio. A poboación sénior decántase sen dúbida polo pan tradicional fronte aos precocidos, conclúe este estudo, que cifra en 82,33 gramos diarios o consumo medio de pan.
Sombras e cultivo de cereais
O terceiro premio outorgado nesta convocatoria pola Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, un galardón dotado con 250 euros en metálico, recaeu no tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPSE Rafael Abad Trasancos, polo TFG titulado ‘Avaliación do desenvolvemento de distintas especies e variedades de cereal baixo diferentes condicións de sombra’.
Abad Trasancos avalía neste estudo o efecto que produce a sombra proxectada do extracto arbóreo sobre o desenvolvemento de cultivos de cereal, implantados nas rúas que separan as liñas de arborado, a través da simulación de dita situación mediante o emprego de distintos intervalos de intensidade de luz no cultivo de diversas especies e variedades de cereal no invernadoiro. O obxecto deste traballo, no que se avaliaron diferentes variedades de especies coma o millo, o trigo ou o centeo, pasa por seleccionar as especies e variedades máis acaídas para desenvolver estas prácticas no exterior para a implantación dun sistema agroforestal con elas.
Nas conclusións, Abaz Trasancos indica que o centeo ten unha menor capacidade para espigar en condicións de sombra que o trigo e que o millo, o que se debe a súa notable capacidade para medrar en menos tempo, o que o fai máis interesante para o seu emprego como forraxe nos sistemas agroforestais.
Deixa unha resposta