A incrible historia do primeiro viticultor en terras galegas

Unha ara romana que se encontra na igrexia de Santurxo en Valdeorras, fala de Gaio Vettio Felicio como a primeira persoa relacionada coa enoloxía en Galicia

Mosaico romano de Baco. IMAXE / ANA BELÉN CANTERO PAZ

A historia do primeiro viticultor coñecido en Galicia resulta apaixonante. Gaio Vettio Felicio pasará desde xa a listaxe de nomes senlleiros da historia da enoloxía galega. Este galaico-romano do século I da nosa era revélase como o protagonista da primeira alusión escrita á cultura do viño na nosa comunidade. Unha inscrición co seu nome propio nunha dedicatoria relacionada co viño, é a que leva a considerar a esta persoa como o primeiro viticultor coñecido en Galicia.

Foi no ciclo de conferencias sobre o viño na Idade Media organizado polo Museo do Viño de Galicia onde o profesor García Tato descubriu a historia sobre Gaio Vettio, que no século I adicou a Liber Pater (Baco) unha ara romana que hoxe se conserva encastrada na parede da igrexa de Santurxo en Valdeorras.

A interpretación do profesor García Tato dunha epigrafía romana nun altar de O Barco adicado ao deus Liber Pater (versión agraria romana do deus do viño) sitúa ademais a Gaio Vettio nos postos de vantaxe para reivindicar a primeira mención absoluta ao viño en Galicia, xunto co conxunto escultórico do Dionisos e Ampelos da Quinta da Muradella (Monterrei), o lagar romano do Castro de Santa Lucía, en Astariz, e diversos pecios con ánforas vinarias atopados nas rías galegas.

A primeira alusión escrita á cultura do viño en Galicia di: “Gaio Vettio Felicio mandou erixir este altar a Liber Pater (Baco)”

Libero Patri/Gaius Vettius/Felicio. “Gaio Vettio Felicio mandou erixir este altar a Liber Pater”. Así de escueta é a primeira alusión escrita á cultura do viño en Galicia, o que non significa que non teña unhas transcendentais lecturas históricas. Liber Pater é a deidade tradicional do viño para os romanos, anterior e preeminente á de Dionisos/Baco, que foi superposta a esta adoración orixinal latina aglutinando os seus atributos.

Trátase dunha deidade propiciatoria, moi específica do mundo agrario relacionado co viño, o que sinala directamente ao seu oferente, segundo García Tato, co cultivo da vide. Neste sentido apuntan moitos outros indicios, como explica marabillosamente Carmen Santapau no seu artigo “La impronta simbólica de Liber Pater en los rituales y el consumo de vino en Hispania Romana”.

A Liber Pater, “O libre”, se adicaban as festividades das “liberalia”, o 17 de marzo, nas que ademais de festexar a saúde dos viñedos, se saudaba a chegada a adolescencia dos nenos púberes, e tamén diversas festas relacionadas todas coa fertilidade, a viticultura e as sementes. O viño, producido baixo o seu padroado e protección, era considerado un agasallo co que el bendiciu á humanidade. Durante a festa, existía unha liberdade total de expresión, e todos podían dicir o que quixeran sen temer represalias, un reflexo do adagio “in vino veritas”.

Liber Pater conta cun matiz específico agrícola e ancestral -fronte a Dionisos/Baco, urbano e máis moderno- de deidade protectora e coidadora do proceso de produción. As festas e bacanais que popularizarían as figuras orientalizantes, con cultos mistéricos incluídos, serían unha evolución urbana posterior do antigo deus latino.

Esta natureza inequivocamente enolóxica do Liber Pater é o que fai tan importante á ara votiva de Gaio Vettio: un galaico-romano, con nomes latinos normalizados (Rodríguez Colmenero, 1987) propios de esta época, agradece relixiosamente algún favor ao antigo deus romano do cultivo do viño. A época da ofrenda pode sinalarse nun arco entre os séculos I-II da nosa era.

O contexto xeográfico da inscrición, como destacou o profesor Tato, é tamén crucial. Na zona Valdeorresa, a cabalo entre o Bergidum do actual Bierzo e os núcleos urbanos dos Tiburi, atravesados pola Vía XVIII romana entre Braga e Astorga, zonas aínda hoxe importantes produtoras de viño, á alusión á vide é clarísima.

Non existen aínda datos específicos sobre Gaio Vettio: era nativo ou de fóra? criaba ou comerciaba cos seus viños?

Esta que pasa a ser, a primeira alusión escrita ao viño en Galicia, pertence a unha epigrafía (inscrición abreviada) nunha ara romana que está empotrada nunha parte dun altar na igrexa de Santurxo (O Barco) que pertenceu ao mosteiro de San Pedro de Montes do Bierzo. Unha ara é o antecedente dos altares cristiáns (alta ara) e nelas se queimaban ofrendas (incenso, sementes) se realizaban libacións con viño ou se oraba. A adicatoria indicaba a intención do oferente, e co tempo -grazas á súa durabilidade en pedra- se teñen convertido na mellor fonte epigráfica para o coñecemento de nomes de persoa e deidades.

A súa enorme transcendencia se deriva da alusión escrita ao deus agrario do viño Liber Pater en Galicia. As outras pegadas primarias do viño galego son a escultura de Dionisos da Quinta da Muradella -unha vila agrícola dos séculos I-II en pleno Val de Monterrei- por os mesmos motivos, e dende 2017 o lagar rupestre do castro de Santa Lucía, en Astariz, que un equipo de arqueólogos certifican como “inequivocamente romano”.

Caso aparte son as ánforas vinarias, indicio de consumo pero non de cultivo, de varios tipos e procedencias que foron atopadas en algunhas escavacións urbanas (Vigo) e varios pecios afundidos nas rías galegas, de diversa procedencia e difícil datación precisa, pero que tamén son a proba de que o viño leva connosco (alomenos) 2000 anos.

Quen era Gaio Vettio? Era só un viticultor, ou tamén criaba e comerciaba os seus viños? Era un propietario nativo ou chegado de fora, quizais un cargo administrativo? Esas son preguntas que terán que investigar agora os historiadores, e que probablemente quedarán sen resposta. O que si é seguro é que Gaio é xa, por dereito propio, parte da historia do viño en Galicia.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *