Gunter Pauli publicou “A economía azul”, a principios desta década. Neste libro abordabase o aproveitamento dos residuos como nova fonte de riqueza. O nacemento de Resetea, unha empresa con sede en Nigrán que comercializa diversos produtos baseados na reutilización de pousos de café e outros refugallos, está moi relacionado con esa publicación do economista belga.
Resetea, formada por Iñaki Mielgo (CEO), Cristian Suárez (CCO) e Luis López (CMO). Conta este último que, a finais de 2012, Iñaki comezou a madurar este proxecto. “El é biologo e estaba investigando sobre novas posibilidades de emprendemento nese sector. Atopouse cun estudio sobre a economía azul, onde se falaba de crear papel a partir de pedras ou de cultivar cogomelos a partir dos pousos do café”, conta Luis.
Foi entón cando Mielgo comezou a realizar probas e a mesturar produtos, “pedindo os pousos de café nos bares”, como lembra López. Iñaki acabou obtendo unha mestura que daba resultados esperanzadores. Naquel tempo, Luis, que coñecía a Iñaki desde moitos anos atrás, traballaba en Madrid como deseñador gráfico. Xa sabía do proxecto do seu amigo, así que tomou a decisión de deixar o seu traballo, volver a Vigo e involucrarse no tema. Xunto a outros dous amigos, Beltrán Orío (informático) e Cristian Suárez (licenciado en ADE), crearon Resetea en agosto de 2014.
A gran aposta de Resetea é a caixa para o autocultivo de setas ostra. “Todo o mundo pode vivir na súa casa a experiencia de cultivar setas”, conta Luis. O procedemento é sinxelo, Despois de mercar a caixa, a un prezo de 19,90 euros, faise un corte na bolsa que hai no interior e mergúllase en auga fría durante 24 horas. Logo de escurrir a bolsa, vólvese a introducir na caixa e comeza a pulverizarse con auga tres veces ao día. Aos dez días, os cogomelos comezan a brotar.
Con cada caixa podemos obter ata tres colleitas a partir dos dez días do inicio da experiencia de cultivo
Para conseguilo, utilízase un sustrato que contén máis dun 80% de café. A caixa elabórase no propio obradoiro de Resetea, a través dun proceso absolutamente artesanal. Luis López sinala que este produto funciona moi ben como agasallo en épocas coma o Nadal. “Para os nenos é toda unha experiencia, eles pensan que é algo máxico”, conta o responsable de Resetea.
Desde que botaron a andar no 2014, segundo as estimacións da empresa, calcúlase que reciclaron máis de 3.700.000 tazas de café e cultivaron máis de 33.000 quilos de cogomelos, xerando máis de 55.000 quilos de abono, o que evidencia a importante contribución do proxecto ao aproveitamento destes refugallos.
Ademais do seu produto estrela, a caixa para o autocultivo de cogomelos ostra, Resetea colocou no mercado, en colaboración coa compañía cervexeira Vacaloura, a cervexa Edulis, unha bebida silvestre inspirada na tradición belga. A Edulis mestura maltas de cebada, centeo e espelta, o que lle proporciona unha entrada dulce e especiada que deriva despois cara un ton máis picante e seco. Ao final da degustación, acábanse apreciándose os sabores terrosos do Boletus edulis, a seta que dá nome a esta cervexa, e que é un dos fungos máis apreciadas da gastronomía galega polo seu sabor e textura.

A cervexa Edulis contén unha particular mestura de sabores.
Ademais da cervexa e da caixa de autocultivo, Resetea ten no mercado un kit de xerminación de herbas aromáticas (perexil, albáfega e coentro). E, por outra banda, están traballando na produción e venda de accesorios e obxectos de decoración para o fogar a partir de táboas de monopatín rotas. Tamén proxectan sacar ao mercado unha liña de accesorios a partir de cortiza.
Todos estes proxectos recibiron un importante pulo grazas ao apoio do certame VíaGalicia, que seleccionou a Resetea como un dos proxectos finalistas na súa última edición. Así, en breve trasladarán a súa sede desde Vigo a Porto do Molle, en Nigrán, xunto ao resto de empresas participantes na aceleradora. Na súa orixe, o proxecto tamén foi galardonado no concurso de ideas empresariais innovadoras organizado pola USC.
Deixa unha resposta