A raíña dos legumes galegos, a faba de Lourenzá

Desde o ano 2008 conta coa distinción de IXP, pero ademáis xa vai camiño dos 30 anos cunha festa propia

A variedade que se cultiva na Mariña lucense tamén é coñecida como faba galaica

Galicia sitúase desde comezos do século XXI como unha das principais produtoras de fabas da península. Neste mercado a faba de Lourenzá é a sobranceira. Os 40 produtores que ten iniciaron una campaña para comercializar as 40 toneladas de faba certificada que deu este 2019. Menos que noutros anos pero de mellor calidade. A súa forma é semellante á dun ril, cunha pel moi fina, que ao comer apenas se percibe, é tenra e cun sabor amidonado, e unha textura especial, que se distingue con só tocala”, conta Carmen Seijo, produtora da faba de Lourenzá, a raíña dos legumes galegos. É a única dos centos de especies de fabas que gozan da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), o que evidencia a súa excelencia.

A variedade que se cultiva na Mariña lucense é a Phaseolus vulgaris, tamén coñecida como Faba Galaica. Chegou, como tantos outros produtos da terra, de Latinoamérica e pronto colleu grande sona en Galicia. O Arquivo de Xeografía Xeral do Reino de Galicia xa documenta desde o século XVIII a existencia do mercado de Lourenzá, debido “a un terreo fértil e ameno”, que os cronistas catalogaban coma o “xardín da provincia”. As súas condicións son idóneas para o crecemento desta legume: terra fértil, temperaturas suaves durante todo o ano e precipitacións moderadas.

Posiblemente, o apelido de Lourenzá é produto da celebración de dito mercado, pero o certo é que a IXP esténdese por quince concellos da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove). A distinción chegou en 2008, pero os produtores xa levaban moitos anos defendendo o valor da faba, en especial desde a celebración da primeira Festa da Faba, no ano 1990. “Esta sempre foi terra de labrar fabas”, conta Carmen, que é unha das vicepresidentas do Consello Regulador e ten a súa propia empresa, Xoias do Val. Un nome que define perfectamente o cariño co que o val de Lourenzá trata ao seu manxar.

Está documentada a existencia do mercado de fabas en Lourenzá desde o século XVII

O proceso de produción segue sendo artesanal. ” Seméntase a unha distancia entre liñas de dous metros, e uns quince centímetros de faba a faba. Sáchanse, entutóranse (sostéñense) con postes e redes e despois vólvese a sachar. Dánselle varios laboreos na temporada. Vixíase e cando empeza a secar, empeza a colleita”, explica Carmen. A bonanza da terra de Lourenzá tamén propicia a aparición de fungos e outros organismos dañinos para a faba, polo que os coidados son constantes e custosos. Finalmente, selecciónanse os mellores exemplares, tanto pola súa calidade como pola súa apariencia exterior.

Na liña da mellora xenética traballa a Misión Biolóxica de Galicia, un organismo do CSIC que é un referente europeo no estudo da xudía. A Misión mantén unha estreita colaboración co Consello Regulador na procura de conseguir unha faba máis resistente ás enfermidades e unha comercialización máis efectiva.

As propiedades da faba son tan boas como o seu sabor. “Ten case todos os nutrientes esenciais— conta Carmen—: proteínas, hidratos de carbono, vitaminas, minerais, fibra… E ten baixo contido en graxa”. “¿E con que combina mellor?”, pregúntolle a Carmen. “Con todo. Ensaladas, carnes de caza, verduras, peixe, setas, en salpicón… E claro, en fabada. Aínda que con chourizo e lacón, xa non hai baixo contido en graxa”, conclúe Carmen, aproveitando para facer a brincadeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *