A salvia vermella (Salvia miltiorrhiza) é unha planta pertencente á familia Lamiaceae, do mesmo xeito que o ourego, o romeu ou o tomiño. Debido ás súas supostas propiedades beneficiosas, foi empregada ao longo dos anos na cultura oriental, consolidándose como un compoñente fundamental da medicina tradicional chinesa, onde se coñece como dānshēn.
As farmacopeas de Europa e China —os libros onde se recompila a información de produtos con propiedades medicinais— indican que os compostos beneficiosos da salvia vermella obtéñense da súa raíz e do seu rizoma. Tamén apuntan que se pode recoller tanto na primavera como no outono.
Máis aló da sabedoría popular, a ciencia chegou a identificar máis de 100 compostos nesta planta, entre os que destacan os ácidos salvianólicos A e B. Como veremos máis adiante, as calidades destas substancias poderían traer unha solución farmacolóxica á celiaquía, algo ata o de agora inexistente e que sería a mellor noticia para quen sofre esta enfermidade.
Un mundo de salvias
Pero son todas as especies de salvia iguais? Non, existen máis de 1.000 en todo o mundo, e algunhas tamén son moi apreciadas. Así, a Salvia officinalis, coñecida como salvia común, foi tradicionalmente empregada polas súas propiedades antibacterianas, antivirais e antifúnxicas. Grazas á súa riqueza en aceites esenciais e antioxidantes, utilízase para tratar a inflamación da garganta e as indixestións, doenzas frecuentes nesta tempada do ano.
A Salvia divinorum, coñecida como “salvia dos adivinos”, ten a súa orixe en México e destaca polo seu uso nos rituais dos xamáns das culturas indíxenas. As follas desta planta conteñen compoñentes psicoactivos, como a salvinorina, que xera efectos alucinóxenos.
No que se refire á nosa protagonista, a salvia vermella, foi asociada con propiedades antioxidantes e cardioprotectoras, efectos antiinflamatorios e a capacidade de previr a formación de coágulos sanguíneos. Ademais, desde hai anos emprégase no tratamento de problemas menstruais e o alivio da dor abdominal posparto. Os ensaios científicos tentan validar estas hipotéticas virtudes.
Debido á composición tan variada da salvia, os investigadores continúan buscando novas utilidades a esta planta. Así, un recente estudo chama a atención sobre o efecto antiinflamatorio do ácido salvianólico para tratar enfermidades intestinais como a celiaquía.
Que é a celiaquía?
Falamos dunha patoloxía catalogada como enfermidade autoinmune, é dicir, desencadeada polo noso propio sistema inmunitario. Aproximadamente o 1,4% da poboación mundial vese afectada por esta enfermidade, podendo alcanzar case un 5,6% en poboacións específicas como a saharauí africana.
Maniféstase como unha inflamación do intestino que impide unha boa absorción dos nutrientes. Aínda que se coñece pouco sobre as súas orixes, a inxestión de glute emerxe como o principal axente causante da inflamación e os demais síntomas asociados, como a diarrea, a dor abdominal e a cefalea.
O glute é unha proteína de baixo valor nutricional que se atopa nas sementes dos cereais como o trigo, o centeo e a cebada, os máis consumidos no continente europeo. Actualmente, a gran maioría dos alimentos procesados adoitan conter fariña de trigo na súa composición, polo que o glute atópase por todas partes.
Ao non existir aínda un tratamento farmacolóxico para esta enfermidade, as persoas celiacas só poden optar, a día de hoxe, pola eliminación total do glute na súa dieta.
Así actúa o ácido salvianólico
Por iso é tan relevante o estudo citado máis arriba, que demostra como o ácido salvianólico podería previr a inflamación que provoca a proteína dos cereais nas células intestinais destes pacientes, axudando a reducir síntomas típicos como a dor abdominal e a pesadez tras as comidas.
Aínda que o glute sexa o causante da celiaquía, esta enfermidade está influída por un conxunto de causas biolóxicas, como as que estuda a epitranscriptómica. Este novo campo de investigación trata de coñecer certas modificacións químicas sufridas polos ácidos ribonucleicos (ARN) que poden cambiar a expresión dalgúns xenes.
A modificación química máis común coñécese polo nome de metilación m6A (N6-Methyladenosine), e está asociada á inflamación nas células intestinais, como puido comprobarse.
Volvendo á pregunta de como pode axudar o ácido salvianólico na celiaquía, parece que este composto funcionaría a modo de “interruptor” sobre a metilación m6A, bloqueando temporalmente a ruta molecular inflamatoria que se activa tras a inxestión de glute.
Aínda que é pronto para botar as campás ao voo, a salvia vermella –e en particular, o ácido salvianólico– perfílase como un obxectivo preferente de futuros ensaios clínicos para tratar a enfermidade celiaca. Quizá estea máis preto o desexado momento de que os afectados por esta insidiosa patoloxía poidan volver tomar alimentos con glute.
*Guillermo Cásedas López é profesor asociado da Universidad San Jorge. Henar Rojas Márquez é investigadora do departamento de Xenética, Antropoloxía Física e Fisioloxía Animal da Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Univertsitatea
Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.
Deixa unha resposta