Á beira do río Lor, ao seu paso pola parroquia de Salcedo (A Pobra de Brollón), a vide xa se cultivaba na Idade Media. Así o revelan as mostraxes tomadas no verán de 2022 durante unha escavación arqueolóxica na zona. Os resultados da súa análise, que primeiro procesou a edafóloga Rebeca Tallón da Universidade de Santiago (USC), foron confirmados polo laboratorio Miami Beta Analytic tras as probas de Carbono 14. “Os resultados dan época medieval, aínda que con moita diferenza entre ambas mostraxes, xa que unha se adscribe ao século VII e outra ao século XIII“, informan dende o concello.
As mostraxes tomáronse na mesma ladeira, aínda que con bastante diferenza en altura, unha máis próxima ao río e outra máis preto da bocarribeira. “Tamén as dúas terrazas amosaban diferenzas tipolóxicas, tendo a máis baixa un sistema construtivo peor conservado e a situada a máis altura, un aparello máis traballado”, comenta Benito Vilas, arqueólogo director do proxecto Penas do Castelo. “Resultou que a máis antiga se corresponde coa máis baixa e máis moderna coa máis alta, o cal resulta coherente”, engade.
Segundo continúa explicando o concello, as mostraxes tomouna a cooperativa Árbore Arqueoloxía e Xestión na ladeira do río Lor na parroquia de Salcedo. Estas mostras tomáronse das “numerosas terrazas de cultivo” que aínda hai na ribeira deste curso de auga. Ao parecer, a veciñanza segue lembrando a práctica da viticultura ata hai uns 40 ou 50 anos.
Relacións coa contorna
A través do proxecto Penas do Castelo, revisouse documentación medieval na que aparece mencionada a parroquia de Salcedo e levouse a cabo un estudo toponímico en colaboración cos veciños. O documento máis antigo no que se menciona Salcedo, conservado no tombo de Celanova, é do ano 886 e mediante o cal se ceden ao monarca tres vilas: Domiz, Salcedo e Vilachá.
Un dos puntos de interese dese documento é que se mencionan as vilas […] con casas e viñas, pomares, terras cultivadas e incultas[…], o que supón a confirmación documental da existencia de viñas en Salcedo no ano 886. Dúas das tres vilas mencionadas no documento resultan facilmente identificables na actualidade: Salcedo e Domiz, aínda habitadas a día de hoxe.
Porén, Vilachá resulta máis complicado de identificar. Podería ser Vilachá de Salvadur, mais parece estraño xa que no documento se expón claramente que as tres vilas están xunto ao río Lor. Porén, Vilachá de Salvadur está xunto ao río Sil. No traballo toponímico cos habitantes da contorna, varios veciños sinalaron a existencia dun lugar chamado Vilachá na parroquia de Salcedo. “Semella coherente identificar ese Vilachá citado no documento con este Vilachá xunto o Lor conservado na toponimia. Unha vila que non chegou ata nós como si fixeron as de Salcedo e Domiz”, comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto Penas do Castelo.
Outro dos documentos revisados é un conservado no tombo de Montederramo do ano 1163, no cal o Papa cede ao mosteiro de Montederramo varias granxas, entre elas, unha situada en Salcedo. Isto proba a existencia dunha granxa cistercense en Salcedo no século XII, entendida como unha unidade de produción e de recadación de impostos. Por tanto, resulta significativa a existencia desa granxa, xa que está a indicar que Salcedo era un núcleo produtivo directamente relacionado cos centros de poder.
Máis unha vez, grazas ao traballo toponímico coa veciñanza, localízase un topónimo ‘granxa’, curiosamente, ao lado do topónimo Vilachá. Ademais, os lugares Vilachá e Granxa están moi cerca da zona de terrazas de cultivo vitícolas acabadas de datar. “Comezamos a albiscar un relato coherente, no que documentación, a proba do Carbono 14 e os relatos veciñais explican a historia dunha paisaxe cultural”, explica Gago. “Agardamos poder facer unha mostraxe máis ampla da ladeira o ano que vén para reforzar a información e entender mellor o proceso”, engade.
Apertura do debate
Segundo apuntan dende o concello da Pobra do Brollón, estes achados poden abrir novas liñas de debate. A primeira, a que ten que ver coa viticultura e coa idea de que unha zona como a ribeira do Lor na parroquia de Salcedo puidera formar parte da D.O. Ribeira Sacra.
Sábese que existiu viticultura ata hai poucos anos na zona, e ademais agora coas novas datacións, dende o concello afirman que esa viticultura vén dende época medieval e vinculada seguramente a un dos grandes centros de poder do que hoxe chamamos Ribeira Sacra: o Mosteiro de Montederramo. Quedaría por comprobar se un viño elaborado nestas terrazas pasaría os criterios actuais do Consello Regulador. O límite da actual D.O. inclúe a parroquia de Barxa de Lor, polo que está a menos dun quilómetro de distancia dos socalcos estudados.
O segundo debate é patrimonial e ten que ver co papel que pode xogar este estudo e a parroquia de Salcedo na candidatura a Patrimonio da Humanidade. Actualmente está establecida unha “zona de amortecemento”, área de máxima protección da candidatura que non inclúe estas ribeiras do Lor salcedao, acabando precisamente no límite das ribeiras de Vilachá de Salvadur, a aproximadamente dous quilómetros e medio. O debate é se con estas novas informacións, Salcedo pode entrar nesa zona de amortecemento, incrementando o valor patrimonial da candidatura e acadando maior grao de protección para o seu patrimonio. Dende o concello trasladan que habería que valorar se á veciñanza de Salcedo lle interesarían estes procesos, e ver como a administración desenvolve ferramentas para establecer diálogos.
Deixa unha resposta