Photonics4Bakery: tecnoloxía fotónica para mellorar os procesos no sector do pan

O proxecto liderado por Clusaga pretende impulsar a transformación dixital da industria para conseguir unha maior competitividade e sustentabilidade

O proxecto pretende mellorar a calidade dos procesos no sector panadeiro.

A aplicación das tecnoloxías fotónicas na industria da panadería permitirá optimizar o proceso de elaboración e a calidade do produto final grazas a que a recollida de datos de forma non invasiva e en tempo real permite axustar a composición e os parámetros do proceso. Estas son algunhas das conclusións que se extraen do proxecto Photonics4Bakery, coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), para impulsar a transformación dixital deste sector.

Neste proxecto, a entidade galega colabora coa Asociación da Industria Alimentaria de Castela e León (Vitartis) e xunto ás empresas socias Fornos de Lamastelle, Lugar da Veiga e Sanbrandan. A súa meta é a de analizar a mellora dos procesos para que o subsector da panadería sexa máis competitivo e sostible evitando desperdicios e mellorando a súa calidade. Ao incorporar as tecnoloxías fotónicas pódese detectar rapidamente calquera desviación dun parámetro, o que permite corrixilo inmediatamente e aforrar tempos nos procesos de produción.

Ademais, o proxecto permitiu determinar de maneira non invasiva parámetros como a porcentaxe de graxa, proteína e sal en masa de empanada ou o punto óptimo de fermentación en barras de pan, así como coñecer o momento adecuado para introducilas no forno e poder optimizar os tempos de produción.

Unha industria de peso

O sector da panadería conta con máis de 1.000 empresas en Galicia, que xeran un volume de negocio de 400 millóns de euros anuais e dan emprego a máis de 8.000 persoas. Cabe destacar que máis do 99% destas empresas son micropemes.

Os socios tecnolóxicos do proxecto investigaron o emprego de solucións fotónicas nas tres compañías panadeiras mencionadas, coas que traballaron para probar, en termos de eficiencia e eficacia, a aplicabilidade das tecnoloxías NIR (Near InfraRed spectroscopy) e HSI (HiperSpectral Imaging). O proxecto buscou avanzar na implementación destas tecnoloxías e de técnicas de machine learning a nivel experimental no proceso de elaboración de diversos produtos de panadería.

Este proxecto, levado a cabo no marco da convocatoria 2021 de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation conclúe, tras máis de seis meses de desenvolvemento, no mes de agosto. O próximo 19 de xullo, a partir das 9.30 horas, os membros do consorcio de Photonics4Bakery celebran un webinar no que presentarán os resultados do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *