Non só de cenorias vive a vista: comer san para ver mellor

Unha boa alimentación e uns hábitos de vida saudables son fundamentais para prever enfermidades e manter a boa saúde dos nosos ollos

As cenorias non son o único alimento que pode mellorar a nosa vista.
The Conversation

The Conversation é unha fonte de noticias e análises escritos pola comunidade académica e investigadora e dirixida directamente á sociedade.

*Un artigo de

Todos temos claro que unha alimentación saudable é crucial para o bo estado de saúde do noso corpo, en especial para coidar da nosa saúde cardiovascular. O que quizais non teñamos moi en conta é que tamén o é para preservar a saúde dos nosos ollos.

A explicación é que a retina, a parte do ollo encargada da visión, é parte do noso sistema nervioso central e está formada principalmente por neuronas, unhas células que demandan unha gran cantidade de nutrientes e osíxeno.

Os fotorreceptores do ollo consomen moita enerxía

O noso sistema nervioso consome unha proporción importante da glucosa do noso organismo, aproximadamente o 25%, e case do 20% do osíxeno). Dito doutro xeito, as neuronas son unhas células que lle saen “moi caras” ao noso organismo. Aínda por riba non se alimentan por si mesmas, senón a través doutras células que as asisten. Metaforicamente falando, necesitan mordomo.

A función das neuronas está limitada a enviar impulsos nerviosos ás súas veciñas e pouco máis (que xa é moito). Fano continuamente, así que todo o demais téñenllo que dar, digamos, “ mascado”. E resulta que os fotorreceptores –conos e bastóns–, verdadeiros protagonistas da nosa visión, encargados de converter a información lumínica que chega aos nosos ollos en algo que entende o noso cerebro, non son máis que neuronas modificadas.

Aínda por riba, estes fotorreceptores presentan un consumo enerxético entre 3 e 4 veces superior ás neuronas máis activas. Iso convérteos nas células con maior consumo enerxético de todo o corpo humano.

A explicación a esta alta demanda enerxética é sinxela: necesitan repoñer os pigmentos visuais (fotopigmentos) que os nosos fotorreceptores gastan cada vez que reciben un estímulo luminoso.

Os fotorreceptores son as células con maior consumo enerxético de todo o corpo humano

As células do epitelio pigmentario son unhas auténticas heroínas, que cumpren coa súa misión cunha gran destreza e de forma continuada todos os días da nosa vida. Non hai que esquecer que estas células son as mesmas desde que nacemos ata que deixamos este mundo.Esa reposición non a fan directamente eles, senón as células do epitelio pigmentario, que tamén se encargan de mediar entre os capilares sanguíneos e os fotorreceptores, pasándolles a estes os nutrientes e vertendo os seus refugallos de volta ao sangue.

Para facernos unha idea da inxente cantidade de traballo diario que realizan ao longo dos anos, hai que ter en conta que nos nosos ollos temos aproximadamente 130 millóns de bastóns e uns 7 millóns de conos. E que na zona de máxima densidade de fotorreceptores da nosa retina atopámonos cuns 28 fotorreceptores por célula de epitelio pigmentario. Por tanto, o epitelio pigmentario ten un traballo extenuante.

Tan canso e demandante que un fallo na engrenaxe desta maquinaria na que a execución de varias tarefas de forma eficiente durante moitos anos é crucial, pode derivar en enfermidades graves de retina e mesmo a cegueiras irreversibles.

Esquema da interacción entre epitelio pigmentario e fotoreceptores. Shutterstock / Designua

Esquema da interacción entre epitelio pigmentario e fotoreceptores. Shutterstock / Designua

Complicacións oculares por alimentación pouco saudable

Un exemplo claro de complicacións oculares derivadas dun mal control dos nutrintes do torrente sanguíneo é o caso da diabetes. Entre outros problemas ocasionados polo exceso de azucre no sangue, é común a manifestación dunha patoloxía ocular que se chama retinopatía diabética e que é consecuencia directa da deterioración da circulación sanguínea.

Isto ocorre porque, co paso do tempo, demasiado azucre no sangue adoita dar lugar á obstrución dos capilares sanguíneos que dan sustento á retina, impedindo a irrigación sanguínea. Como resposta, o ollo tenta desenvolver novos vasos sanguíneos, que adoitan ser defectuosos, débiles e con risco de sufrir fisuras facilmente.

Outro exemplo das posibles consecuencias oculares de hábitos pouco saudables, como o abuso de graxas e colesterol, é a dexeneración macular asociada á idade (DMAE), un trastorno ocular moi frecuente en persoas maiores de 60 anos. Esta enfermidade destrúe lentamente a nosa visión central, a que nos proporciona a agudeza visual e a visión en cores, dificultando entre outras cousas a lectura, o recoñecemento das caras, a condución e a identificación de detalles finos.

Nos países desenvolvidos, a DMAE representa a primeira causa de discapacidade visual, sendo responsable do 50% dos casos de cegueira legal. Así mesmo, esta patoloxía afecta ao 10% da poboación maior de 65 anos e a máis do 25% dos maiores de 75 anos.

A retinopatía diabética é a consecuencia directa da deterioración da circulación sanguínea

En España, a DMAE é a primeira causa de cegueira legal, afectando aproximadamente a unhas 700.000 persoas. A enfermidade está causada polo dano do epitelio pigmentario, que deriva na morte secundaria dos fotorreceptores e, nos casos máis severos, unha proliferación anómala de vasos sanguíneos que irrigan a mácula (a zona central da nosa retina, a que nos proporciona a nosa agudeza visual).

O motivo deste dano é, entre outros factores, o desgaste prolongado que co paso do tempo sofren estas células epiteliais e que se ve reflectido na acumulación e depósito dos detritos xerados polos fotorreceptores e que estas células son incapaces de eliminar de forma eficiente. Así que como estas células necesitan desfacerse diariamente de gran cantidade de refugallos lipídicos xerados polos fotorreceptores, ao chegar a certa idade, se sumamos o cansazo acumulado do arduo traballo de tantos anos ao consumo excesivo de ácidos graxos e colesterol, ese acúmulo será máis daniño aínda.

Retina de mono. Foto: achegada pola autora

Retina de mono. Foto: achegada pola autora

Por tanto, ademais do factor idade como axente fundamental no desenvolvemento da DMAE, outros factores de risco determinantes son os malos hábitos alimenticios e estilos de vida pouco saudables, como o consumo de alcol e tabaco. De feito, o tabaquismo multiplica por cinco o risco de padecer DMAE e é o factor ambiental máis vinculado a esta enfermidade da retina.

Os malos hábitos alimenticios e estilos de vida pouco saudables aumentan o risco de padecer DMAE

Tamén existe certa predisposición xenética a padecela, xa que persoas con mutacións en certos xenes (algúns coñecidos e relacionados con procesos inflamatorios e outros descoñecidos aínda), son máis propensas a desenvolvela.

En definitiva, unha alimentación e hábitos de vida saudables non son só garantía dunha boa saúde cardiovascular, senón que tamén reduce os factores de risco coñecidos de enfermidades graves relacionadas coa nosa visión.

Nalgúns casos recoméndase complementar unha dieta saudable con vitaminas. Con todo, varias revisións realizadas por Cochrane, onde se recompilan datos de diferentes estudos poboacionais, conclúen que tomar suplementos vitamínicos (con vitamina E ou betacaroteno, os máis utilizados para este fin) non evitará nin atrasará a aparición da DMAE.

Ademais, en canto á administración destes suplementos co obxectivo de atrasar a progresión da DMAE en pacientes xa diagnosticados, conclúese que poderían experimentar un certo atraso na progresión da enfermidade coa administración de suplementos multivitamínicos antioxidantes de vitaminas e minerais.

Pódese experimentar un certo atraso na progresión da enfermidade coa administración de suplementos vitamínicos

Este achado provén dun ensaio a gran escala realizado nunha poboación estadounidense relativamente ben alimentada, pero descoñécese se estes resultados pódense xeneralizar a outras poboacións.

Doutra banda, esa revisión tamén mostrou que os suplementos que conteñen luteína e zeaxantina, que se comercializan moito para os pacientes con DMAE, non parecen ter ningún efecto beneficioso sobre a súa progresión.

De todos os xeitos, aínda que xeralmente se consideren seguros, os suplementos vitamínicos poden ter efectos prexudiciais, e necesítase evidencia clara dos seus efectos beneficiosos antes de poder recomendalos.


*Conchi Lilllo é doutora en Neurociencias pola Universidade de Salamanca.

Cláusula de divulgación: Conchi Lillo non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *