Unha serie de enfermidades e pragas na fin do século XX puxeron en serio perigo de desaparición a variedade de vide Ratiño Galega. Un cultivo propio da comarca de Pontevedra e doutros puntos da provincia que ata hai pouco non existía legalmente. Mais o traballo de investigación desenvolvido pola Misión Biolóxica de Galicia (MGB), do CSIC, cambiou o panorama. Esta variedade, hoxe recuperada, xa se pode plantar e, tamén, comercializar viños co seu nome.
Mais conseguir esta distinción non é unha tarefa sinxela. Máis ben un proceso complexo e longo que saíu adiante grazas ás máis de tres décadas de estudos do grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa da MGB. Todo a raíz de investigacións botánicas, agronómicas, moleculares e de resistencia ás enfermidades, tanto desta como doutras variedades, a partir de exemplares vivos localizados in situ e conservados na colección do instituto.
Ademais disto, para que este tipo de cultivos se poidan incluír no devandito rexistro, é preciso que se constate, a través de informes e estudos científicos, que non se corresponde con outras variedades ou que se trata dunha xa rexistrada con outro nome. Así mesmo, require trámites legais e administrativos nos que interveñen as comunidades autónomas, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Dirección Técnica de Avaliación de Variedades e Laboratorios (DTEVL, INIA-CSIC).
Ademais do traballo de investigación desenvolvido por este grupo, están todos os informes sobre a variedade presentados a diversas institucións, comunicacións en congresos e xornadas, a publicación da súa descrición ampaleográfica e a selección de tres clons, actualmente en proceso de certificación.
“Estamos moi satisfeitos con esa esta inscrición, pois varias adegas coas que levamos a cabo proxectos reiteráronnos, en repetidas ocasións, o seu interese por recuperar o cultivo e a comercialización de Ratiño Galega”, sinala Carmen Martínez Rodríguez, xefa do citado grupo. O mesmo que iniciou os trámites en decembro de 2015 para que se rexistrase esta variedade, ao tempo que asumía o custe do proceso de exame e achegando datos científicos dos estudos.
As investigacións do CSIC sobre a variedade Ratiño Galega
“Hai 35 anos, xunto co Dr. Mantilla, iniciamos a localización e estudo in situ de exemplares vivos desta variedade en distintos puntos da comarca de Pontevedra, onde era amplamente cultivada na antigüidade. Tamén atopamos exemplares da mesma variedade, con outros nomes, nalgunhas outras zonas concretas da provincia como O Rosal, onde é coñecida co nome de Cajarrento, e O Salnés, onde se coñece co nome de Branca de Cabanelas. En 1993 establecemos a colección de cepas vivas na MBG, composta na actualidade por preto dun centenar de accesións de vide, entre as que se atopan varios exemplares de Ratiño Galega”, explica Carmen Martínez Rodríguez.
“Posteriormente, responsables da adega Viña Moraima, situada na zona de Barro (Pontevedra) e adscrita á Denominación de Orixe Rías Baixas, contactaron co noso grupo de investigación solicitando apoio para que dita variedade fose recoñecida oficialmente como única e autóctona da zona. Nese sentido, recompilamos os datos dos que dispuñamos e continuamos profundando no seu estudo. A citada adega, pola súa banda, recuperou e rexenerou as vellas cepas centenarias de Ratiño que se atopaban pola zona, elaborando incluso un viño experimental da variedade coa nosa colaboración”, engade a investigadora científica do CSIC.
Deixa unha resposta