Berberecho de Noia, un produto gourmet co aval dos mellores cociñeiros

O selo de calidade e a certificación déronlle un gran pulo á denominación de orixe      

A denominación Berberecho de Noia conseguiu en pouco tempo situar ao produto no mercado gourmet. Foto: Confraría de Noia

A tradición di que os obxectivos ambiciosos necesitan moito para conseguirse, pero hai ocasións en que o proceso pode acelerarse. Isto é o que ocorreu coa promoción da denominación de orixe Berberecho de Noia, un selo que naceu hai apenas tres anos pero que non tardou en situarse no mercado dos produtos gourmet. Destacados cociñeiros de Galicia e España participaron en campañas de promoción para contar as excelencias do berberecho extraído polos mariscadores da ría de Noia.

A calidade deste marisco e a acertada campaña de promoción desenvolvida foron os factores que explican o éxito malia os efectos negativos da pandemia. O selo de Galicia Calidade que luce dende hai un ano tamén contribuíu a situar ao berberecho de Noia coma un produto moi axeitado para a alta cociña. Nun tempo record conseguiuse expandir a marca especialmente no mercado español; agora queda por diante o reto de facer o mesmo no ámbito internacional sen descoidar os logros xa conseguidos en Galicia e no resto de España.

Os irmáns Torres nun dos actos de promoción.

Santiago Cruz, patrón maior da confraría de Noia, explica que dende a creación da D.O. en 2018 conseguiuse o obxectivo de dar a coñecer moito máis no mercado español e europeo un produto que reúne moi boas condicións para o seu emprego na cociña de calidade. “Apostamos pola promoción con cociñeiros galegos e doutros puntos de España e a estratexia funcionou moi ben e deu os seus froitos en moito menos tempo do que agardabamos”. A medio prazo a idea é facer algo semellante noutros lugares de Europa e unha das ideas e facer tamén promoción do produto a través de cociñeiros famosos dos países nos que o berberecho xa sexa un marisco coñecido.

De setembro a marzo

Nos próximos días abrírase unha nova campaña de extracción deste bivalvo na ría de Noia. É unha das peculiaridades da denominación de orixe xa que a campaña se desenvolve entre setembro e marzo, a diferencia doutras zonas nas que se estende durante todo o ano. “Preto de 1.500 mariscadores, a pé e a flote, participan na extracción do berberecho na nosa confraría e respectamos o ciclo biolóxico e por iso interrompemos a recollida no mes de marzo cando o berberecho comeza a desovar”, sinala Cruz. Un 90% da produción deste marisco na ría de Noia vai destinada ás conserveiras e un 70% do berberecho que se comercializa en España procede das concesións desta confraría.

Entre as conserveiras que están adheridas á denominación de orixe se atopan La Brújula, Baymar, Cabo de Peñas, Real Conservera Española, Escurís, Ramón Peña, La Riviere ou Espinaler. Todas elas utilizan o produto da ría de Noia dentro das súas liñas de conservas gourmet. Hai que destacar que o distintivo Berberecho de Noia comezou con seis empresas adheridas e hoxe conta xa con 35, na súa maioría son conserveiras pero tamén figuran tres depuradoras e unha peixería online.

Os irmáns Torres, Chicote, Fernando Agrasar ou Lucía Freitas son algúns dos cociñeiros que xa participaron na promoción do berberecho de Noia

O selo Berberecho de Noia garante tres cuestións esenciais: a súa orixe (ría de Noia), o tipo de arte empregado na captura (artesanais e sostibles) e a calidade e autenticidade do produto. Nas campañas promocionais efectuadas nestes tres anos participaron grandes figuras da gastronomía españolas como os irmáns Torres, Paco Roncero ou Chicote, e tamén nomes destacados da cociña galega como Iván Rodríguez, Dani López, Fernando Agrasar ou Lucía Freitas. O pulo acadado coas campañas de promoción foi moi importante para situar á denominación de orixe no lugar de privilexio no que se atopa agora. Cruz apunta que este ano agardan poder continuar coas campañas de promoción que se viron interrompidas pola pandemia.

Unha das iniciativa que está a poñer en marcha a confraría na actualidade e a reapertura dun sementeiro co que contan na zona de Serra de Outes. Segundo explica o patrón maior, en seis meses agardan poder contar con semente de berberecho, ameixa e ostra para distribuíla nas explotacións da ría de Noia. O obxectivo final é o de seguir avanzando para que o marisco que se produce nesta área sexa cada vez máis identificado polos consumidores e que a calidade e a certificación da orixe sexan a súa marca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *