A MBG de Pontevedra atopa un xene que determina onde e cando cultivar a xudía

O achado identificou as variedades que permitiron ás xudías completar o seu ciclo de crecemento durante o verán nas latitudes altas de todo o mundo

A xudía é un alimento moi relevante pola súa achega proteica. Foto: MBG-CSIC.

Unha investigación desenvolvida polo grupo de Xenética de Desenvolvemento de Plantas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) descubriu cambios xenéticos ancestrais esenciais para a produción mundial da xudía común (Phaseolus vulgaris), unha das plantas con maior relevancia alimentaria no planeta pola súa achega de proteínas. O achado enmárcase na liña de investigación que desenvolve en Galicia o CSIC acerca dos factores que controlan o tempo que tarda unha planta en florecer.

“O tempo de floración é un aspecto importante na adaptación dunha planta, silvestre ou cultivada, á súa contorna. Sábese que os devanceiros silvestres de numerosos cultivos tiñan distribucións bastante restrinxidas e que se necesitaron cambios xenéticos para que puidesen expandirse e crecer con éxito en diferentes latitudes e zonas climáticas”, explica Marta Santalla Ferradás, investigadora científica do CSIC e xefa do grupo Xenética do Desenvolvemento de Plantas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG).

Neste contexto, o citado grupo deseñou unha investigación tomando como obxecto de estudo a xudía común, orixinaria das rexións subtropicais de América do Sur e Centroamérica e que na actualidade cultívase en todo o mundo, co labor de producir un alimento cunha baixa achega calórica polas súas vainas verdes, e como legume seco e fonte de proteína vexetal.

A investigación contou coa colaboración da Universidade de Tasmania (Australia), e de Innovation Center of Molecular Genetics and Evolution e Institute of Crop Sciences (China). “O traballo de investigación desenvolveuse a través dunha análise xenética detallada e dun amplo estudo de variedades de xudías silvestres e domesticadas en diferentes condicións ambientais e de laboratorio”, explica Marta Santalla Ferradás.

Identificáronse variantes xenéticas que permitiron que a xudía completase o seu ciclo de crecemento noutras latitudes

“O principal resultado radica na identificación das variantes xenéticas que permitiron ás xudías completar o seu ciclo de crecemento durante o verán nas latitudes altas de todo o mundo. En concreto, identificouse un xene determinante de onde e cando cultivalas e observouse que as variedades de xudía que o teñen inactivo presentan dificultades para detectar os días longos, o que ten como resultado que florecen e maduran antes. Isto repercute en poder desenvolver variedades adaptadas ás diferentes contornas, o que é imperativo para predicir e prepararse para o cambio climático futuro”, destaca.

Ademais, o estudo lanza luz sobre a evolución antiga do cultivo da xudía común, ao suxerir que “a floración precoz pode ser unha característica importante seleccionada durante a súa domesticación inicial nas montañas dos Andes centrais de América do Sur”.

O grupo Xenética do Desenvolvemento de Plantas ten por obxectivo afondar no coñecemento das redes reguladoras de xenes necesarias para construír un órgano ou tecido específico, definir a arquitectura da planta, o desenvolvemento do froito e a transición floral, e facer da planta un organismo ben adaptado ás novas condicións
ambientais e prácticas agrícolas. Entre os proxectos que desenvolve, figura “Novas variedades de xudía para tendencias emerxentes no consumo de hortalizas”, financiado polo Plan Estatal de I+D+i dentro da convocatoria Retos-Colaboración e “PhANDom Phaseolus Adaptation and Neo-Domestication; Understanding and using diversity in common bean and its relatives”, financiado pola convocatoria iLIK do CSIC e que reúne a equipos de investigación de España, Estados Unidos, Australia e Canadá.


Referencia: Ancient relaxation of an obligate short-day requirement in common bean through loss of CONSTANS-like gene function (Publicado en Current Biology).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *