Menos cogomelos e de peor calidade. A temporada está a ser como o ano, un tanto estraña. Estamos ante unha Galicia micolóxica descoñecida, coa metade de cogomelos nos montes dos que había nos últimos anos e con medo na selección por mor da Covid. O pasado mes de setembro mesturáronse os cogomelos de inverno cos de verán ou os de primavera, e os de todas as estacións, e foron de mala calidade. Isto en setembro, un mes no que a calor resulta normal. O que xa non é tan habitual é que outubro continúe por ese camiño. Este mes está sendo só algo mellor e parece que desde a última lúa, pois as fases luares tamén inflúen, a calidade dos cogomelos recollidos está a mellorar só lixeiramente.
O tempo actual diríanos que hai abundancia de cogomelos porque chove, sen embargo a realidade é outra. O cambio climático estase a notar e cada campaña de recollida as cifras seguen minguando. A este problema hai que engadir unha deforestación e un troco nas especies dos nosos bosques que tamén prexudica o nacemento dos cogomelos. Esta é a paisaxe que debuxan os expertos sobre a temporada de recollida de cogomelos deste ano na nosa comunidade.
Champivil: “Hai como seis anos produciuse unha reducción drástica, cada vez hai menos cogomelos”
A empresa máis forte de Galicia e pioneira na venda de cogomelos é Champivil. Hai anos recollía ata 100.000 quilos de boletus nunha temporada, pero eses números variaron notablemente. “Recordo que traballabamos día e noite en quendas e entraban cogomelos todo o tempo. Na última década isto xa mudou. Hai como seis ou sete anos que se produciu unha redución drástica e cada vez hai menos cogomelos, froito do cambio climático e dunha mudanza na vexetación que nos dá unha Galicia descoñecida”, comenta a xerente da empresa vilalbesa, Divina Castelo.
A variación da masa forestal e a proliferación do eucalipto provocou que os cogomelos desaparezan. Tamén existen zonas de monte, como en Ordes ou Melide, que foron substituídas por cultivos de millo, e aí tamén desapareceron os cogomelos. “Na zona da Terra Chá podiamos sacar toneladas de boletus edulis e lingua de vaca, pero se talaron piñeiros e apareceron os eucaliptos e marcharon os cogomelos. Estamos localizando cogomelos en eucaliptais, pero nos que teñen máis de dezasete anos. Os piñeirais que existían antes están devastados”, señala a produtora.
En Galicia podemos atopar un par de ducias de cogomelos comestibles. A meirande parte das especies non se poden comer, o que non significa que sexan tóxicas, senón que son moi duras ou cun tamaño ínfimo. Hai catro ou cinco especies de boletus que se poden utilizar para gastronomía. Despois están as diferentes cantarelas e macrolepiotas nas que esta comunidade ten gran abundancia. Hai máis dun século que xa se recollían estas especies e a proba disto son os diferentes nomes populares que reciben, como a cantarela, cantarelo, cacafina ou pan de cabra, que é un cogomelo que se atopa á sombra de aciñeiras, corticeiras ou carballos, e resulta moi común a súa utilización gastronómica.
A produción de Champivil está na actualidade nos 4.000 quilos diarios. Isto foi o que recolleron nos últimos dez días entre todas as variedades. Hai dous anos a media estaba nos 8.000 quilos diarios, que xa se reduciron algo o ano pasado e nesta temporada pasan á metade. “A campaña forte de recollida de cogomelos dura case un mes. Este ano non imos alcanzar esas cifras nin de broma. A partir da metade de novembro xa case non entran máis de cen quilos de boletus diario, e logo é cando aparece a lingua de vaca, da que se poden recoller algúns días en decembro entre dous e tres mil quilos durante a temporada forte”, sinalan desde a empresa vilalbesa.
O 70% dos cogomelos son de consumo en hostalería, polo que o peche a causa da Covid inflúe seriamente no mercado
O problema deste ano é que como consecuencia da Covid están a traballar máis amodo, tiveron que alongar horario para facer as compras e “cun pouco de medo”. “O problema está na venda posterior do que recibimos. Non tiñamos consciencia de que o ía pasar”. Os cogomelos son un produto gourmet dos que non se adoita comprar nun supermercado. O 70% dos cogomelos son de consumo en hostalería, e con esta case pechada a perda tamén inflúe no mercado dos cogomelos. “A lingua de vaca, por exemplo, se en decembro a hostalería segue pechada, non ten saída, xa que só é para un mercado en fresco. Non podemos ofrecela conxelada nin en conserva. Pensa que co gasto en luz que supón o conxelado, isto faría que este produto logo saíse moi caro”, comenta Divina Castelo.
Menos xente nos montes por medo á Covid
Champivil compra os cogomelos a particulares que se dedican a recoller. Todos os anos son os mesmos provedores. Aquí non existen as cuadrillas organizadas que se produciron noutras partes de España. “Os galegos somos moito de vou recoller cogomelos pero non che digo onde, polo que é habitual ir ás escondidas e só. É certo que agora mesmo non se ve tanta xente nos montes como se vía. Por medo á Covid hai moitos recolledores que non están saíndo”, comenta a xerente.
Tamén teñen dous autónomos que recolectan noutros lugares lonxe de Vilalba. Na campaña deste ano comezaron pagando 8 euros o quilo polos boletus edulis pero agora, como empezaron os peches de hostalería en diversos lugares de Europa, baixou o prezo a entre 2 e 5 euros o quilo. Pola lingua de vaca empezaron pagando 7 euros e agora está en 3. A demanda fai o prezo. O 30% dos seus boletus van sobre todo para Francia e Italia consome o 70% restante. Despois teñen vendas puntuais en Alemaña ou Bélxica. En España o níscaro, tamén coñecido como lactouro ou fungo da muña, véndese en Barcelona e Madrid, mentres que en boletus case toda a produción vai para o País Vasco. No resto de lugares que producen, como Estremadura ou Andalucía, cos cogomelos silvestres que producen xa teñen dabondo para atender o seu consumo, non necesitan importar.
Dous quilos por persoa e día
José María Traba Velay é o presidente da Federación Galega de Micoloxía e autor de numerosas publicacións sobre cogomelos en Galicia. As asociación micolóxicas galegas suspenderon este ano todo tipo de actividades conxuntas por causa da Covid. De feito, a 38 edición da Semana Micolóxica Galega este ano vai ser totalemente telemática. Como experto asegura que ir a por cogomelos sen coñecemento é unha ruleta rusa. “Debes saber ao 100% que estás collendo“. Agora mesmo na Asociación coruñesa, que tamén preside, fixeron algunha saída, pero en pequenos grupos e con todas as medidas de seguridade necesarias.
Para a venda de cogomelos silvestres unha empresa pode alcanzar ata 700 quilos. Outra cousa é o que pode apañar cada persoa por día. Isto non vai máis aló dos dous quilos diarios segundo o Real Decreto da Xunta de Galicia. “Hai unha discrepancia entre os micólogos e o que busca o negocio. O decreto para o que vai por pracer creo que está ben, pero para o que vai coller cogomelos para vender debería existir outro tipo de regulamentación“, apunta Divina Castelo. A este respecto o presidente da Federación Galega de Micoloxía asegura que existen algunhas limitacións de bosques mancomunados que prohiben coller cogomelos, e que tamén noutras comunidades podes apañar máis quilos grazas a un carné identificativo polo que pagas, pero isto en Galicia non existe, como tampouco os grupos organizados para recollida de cogomelos.
“Unha empresa de Soria hai unha década chegou a a Galicia con dous autobuses con mercenarios, pero tiveron que dar volta porque non sabía andar os montes. Aquí somos poucas empresas e temos unha forma de pensar diferente. En Castela hai uns carnés para recoller cogomelos, porque os concellos controlan o seu monte, pero aquí somos nós os propietarios, polo que é máis difícil facer iso”,conclúe a xerente de Champivil.
Deixa unha resposta