Sidonia Martínez (Vegapujín-León, 1973) é a Coordinadora do Grao de Tecnoloxía dos Alimentos no campus de Ourense da Universidade de Vigo e Vicedecana de Calidade. O ránking de Shanghái vén de situar a súa Facultade de Ciencias entre as 75 mellores do mundo en tecnoloxía dos alimentos, escolléndoa entre 1.800 universidades de máis de 90 países. Elaborado a partir dunha serie de indicadores que miden a calidade da investigación, a extensión da colaboración internacional, a investigación de alta calidade e os recoñecementos académicos máis elevados, a clasificación reflicte o bo traballo que se está a facer na universidade viguesa.
—Que supuxo este recoñecemento da clasificación de Shanghái?
—Para nós é poñer en valor e en alza as investigacións que se realizan na Facultade de Ciencias, e tamén aos nosos investigadores.
—Que é o que se valorou para o que posto da universidade viguesa sexa tan alto?
—O que se valora principalmente é o número de artigos publicados en revistas científicas de alto nivel, a colaboración internacional, o número de investigadores que reciben premios ou algunha mención específica, ademais das colaboracións con grupos de investigación de ámbito nacional ou internacional e outros centros de investigación.
—Este grao de Tecnoloxía dos Alimentos resulta aínda bastante descoñecido, polo que quizáis sorprende máis o seu posicionamento internacional.
—Ao ser un grao que se formou hai relativamente pouco, desde que se desvinculou de Veterinaria, se o comparamos con outros, é moi pouco coñecido. Creo que hai que facer moito traballo para dalo a coñecer, porque ten moitas saídas profesionais. Os graduados saen moi ben preparados e as súas saídas laborais permiten que poidan traballar desde as industrias agroalimentarias ata laboratorios, administración, investigación ou consultorías en infinidade de sectores.
—Se cabe, na era post Covid-19 aínda cobra máis importancia o voso labor, polo feito de ter que extremar os controis de seguridade e hixiene na alimentación?
—Desde ese punto de vista a tecnoloxía dos alimentos ten un impacto moi importante. A hixiene neste grao ten moita relevancia e del saen moitos traballadores que están controlando o tema de seguridade e hixiene nas empresas. Ten importancia agora e aínda vai ter máis no futuro.
—Recuperaron xa a normalidade os seus estudantes en canto ao traballo de investigación ou aínda queda para que isto suceda?
—Nos primeiros meses non se podía ter acceso aos laboratorios. Os primeiros en voltar foron os estudantes que estaban realizando as teses predoutorais e postdoutorais, e desde o 1 de xullo comezaron tamén a entrar os alumnos que estaban facendo traballos de fin de grao, fin de máster ou algunhas outras persoas que non tiñan contrato na facultade.
—Que previsións teñen para que non volva suceder isto e non se paralice a investigación por mor da pandemia?
—Está a extremarse a seguridade nos laboratorios con medidas de hixiene, paneis de separación, e de cara a un novo brote, facendo divisións para poder traballar sen contacto físico entre as persoas que están no laboratorio. Unha das cousas que precisamos é ter relacións con outros centros. Ao non poder interrelacionarnos isto se dificulta moito, pero o que si podemos é traballar e poñer en común os resultados. A mobilidade dos investigadores é fundamental, polo que agardamos que se poida normalizar en breve.
—De onde proceden os estudantes de Tecnoloxía dos Alimentos?
—Hai moitos de Ourense, porque é onde está a facultade, pero atraemos xente de moitas provincias. De feito, neste último curso académico un 60% eran de fóra de Ourense e incluso de fóra de Galicia, de lugares como Castela-León e outras partes de España.
—Xa se están a facer as cousas moi ben, como indica ese posto entre as 75 mellores do mundo, pero se poden facer aínda mellor?
—Con máis medios seriamos quen de facer máis e mellor. Esta é unha facultade pequena e para o que temos, estamos facéndoo moi ben. Cun pouco máis de apoio estariamos seguro entre as 50 mellores do mundo en tecnoloxía dos alimentos.
—Manteñen sinerxias de traballo con Portugal, Francia, Italia…
—Con todo o mundo! Esas son só algunhas delas, pero a área de investigación ten colaboracións con diferentes universidades españolas e de todo o planeta. Dependendo da liña de investigación buscas os grupos afíns. Aquí se está a traballar con xente de Australia, China, Marrocos, Arxelia, Canadá, Brasil… Hai liñas de seguridade alimentaria, deseño de novos produtos empregando as novas materias primas e tendo en conta as condicións medioambientais, materiais para novos envases, como eliminar os plásticos. Pensa que abrangue todas as materias primas: leite, cereais, carne, peixe… hai moitas liñas de investigación abertas de grande importancia.
Deixa unha resposta