Así axudan as algas atlánticas ao noso sistema inmunitario

A incorporación das algas mariñas alimentarias a unha dieta equilibrada contribúe a reforzar o sistema inmunolóxico

Alga Wakame. Foto: Antonio Vidal
Sergio Baamonde

Biólogo especialista en macroalgas mariñas

Trala desgraciada intromisión do coronavirus nas nosas vidas, e a Covid-19 que pode provocar, estes últimos días estivemos centrados na procura de fármacos coma solución para paliar o avance e dano que puido ocasionar o mesmo. E non sen razón: estas ferramentas, evidentemente son necesarias e imprescindíbeis para acadar tal fin, baixo o criterio dos profesionais médicos segundo o estudo do caso particular.

Non obstante, é importante reflexionar sobre tal cuestión, e darnos conta de que a principal defensa e barreira fronte as enfermidades e axentes patóxenos, somos nós mesmos.

Dispoñemos, amais de barreiras naturais primarias coma a pel ou as mucosas, dun sistema inmunolóxico composto por determinados órganos, tecidos e células, amais de determinados procesos, o cal se foi desenvolvendo e perfeccionando o longo de centos de anos de evolución para cumprir co seu obxectivo: defendernos das agresións dos axentes patóxenos externos coma virus, bacterias ou fungos, entre outros, no caso de que consigan infectarnos, e eliminalos, mantendo a “homeostase” ou equilibrio interno do noso organismo.

Imaxe de algas empratadas. Foto: Miguel Riopa

Imaxe de algas empratadas. Foto: Miguel Riopa

Loxicamente, canto máis forte e salubre se atope o noso sistema inmunolóxico, de mellor forma cumprirá o seu cometido, algo que se consegue mantendo un estado fisiolóxico e mental saudable. Polo tanto, é imprescindíbel desprenderse do derrotismo e da idea de que é inevitable o contaxio, centrándonos por pasiva soamente nas posibles consecuencias da Covid-19 que, como xa sabemos, van dende a asintomatía ata a posibilidade de desenvolver unha enfermidade grave (en menor proporción). E o contrario, concienciarse de que é posíbel dalgunha forma actuar de forma proactiva, estimulando estas defensas naturais que temos e reforzando a inmunidade específica e específica do noso sistema inmunolóxico

Para isto, é posíbel controlar certos hábitos e condicións hixiénico-sanitarias, que nos axuden a acadar este obxectivo, coma poden ser a redución do estrés, a práctica de exercicio físico, o descanso adecuado ou a exposición solar moderada, entre outros; e de forma destacábel, a enorme importancia de levar unha alimentación saudábel e equilibrada. É neste punto, onde as algas alimentarias teñen moito que dicir.

As ‘verduras do mar’ suplen as carencias nutricionais derivadas de hábitos de consumo pouco saudábeis

É importante remarcar a premisa obxecto deste artigo, que é a de suplir as carencias ou deficiencias nutricionais, derivadas de hábitos de consumo pouco saudábeis, condicionadas por diversos factores socioeconómicos ou culturais actuais (coma a falta de tempo para cociñar alimentos frescos, oferta masiva de produtos alimentarios industriais de baixa calidade a baixo coste, ausencia de recursos económicos, cultura da comida rápida e precociñados, ausencia de cultura gastronómica nas novas xeracións, uso de fito sanitarios en alimentos convencionais, etcétera). Polo tanto “Ante unha situación de clara deficiencia dun nutriente implicado no sistema inmunolóxico, tomalo pode ter un efecto na resposta inmune” (Vilaplana, 2015).

Fonte de nutrientes

As algas mariñas ou “verduras do mar”, constitúen unha extraordinaria e variada fonte natural de nutrientes, en moitos casos superiores os vexetais terrestres. Por isto son denominadas “cócteles de nutrientes” ou “súperalimentos”, xa que posúen un amplo e abundante espectro de vitaminas, minerais, proteínas, fibra e outros elementos esenciais para cubrir as necesidades nutricionais do organismo, e concretamente, moitos dos nutrientes implicados directamente no sistema inmunolóxico.

Para apoiar esta exposición e demostrar que en gran medida as algas contribúen coma suplementos naturais destes nutrientes, destacaremos as virtudes nutricionais directamente relacionadas co sistema inmunolóxico, das cinco variedades de algas atlánticas de maior uso alimentario e consumo, recollidas de forma sostible no litoral de Galicia.

Os datos nutricionais das algas, tanto minerais coma vitaminas (Cadros 2 e 4) foron extraídos das seguintes fontes e estudos, a maior parte realizados a partires de análises de algas galegas recollidas e elaboradas por Algamar (Algamar, 2012; Catoira, 1993; S. Cofrades, 2010; R. Domínguez, 2010; Ergueta Martínez, 2001; Férnandez Sáa, 2002; Romarís Hortas, 2012; S. Ródenas, 2002; P. Rupérez, 2002; Sánchez Machado, 2003; VVAA, 1998), amais de datos de análises procedentes do Centre d´Étude et de Valorisation des Algues.

Tódolos datos están expresados en unidades por 100 g de alga deshidratada.

No caso dos minerais, podemos destacar, segundo as recomendacións da EFSA (Vilaplana, 2015), que o cobre (Cu), ferro (Fe), selenio (Se), zinc (Zn), son os minerais esenciais para manter á saúde do sistema inmunolóxico. Podemos observar no Cadro 2, as aportacións nutricionais das algas seleccionadas para o estudo.

Para observar o potencial nutricional coma suplemento das algas, no caso que nos ocupa, podemos extrapolar os datos e comparalos coa VRN ou inxestión diaria de referencia, segundo o Regulamento (UE) Nº1169/2011 (Cadro 3).

Respecto as vitaminas implicadas directamente no sistema inmunolóxico, a EFSA (Vilaplana, 2015) menciónanos coma esenciais a vitamina C, E, A, D e folatos (especialmente B9, B1, B2, B5, B8, B12), (Cadro 4).

De forma análoga aos minerais, podemos comparar estes datos referentes as vitaminas coa VRN ou inxestión diaria de referencia (Cadro 5).

En ambos casos, tanto minerais coma vitaminas, podemos comprobar que as algas proporcionan un amplo espectro, algúns en cantidades moi superiores a outras fontes presentes na natureza.

Amais disto, as algas, especialmente pardas (Kombu, Wakame y Espaguete de mar), constitúen unha fonte importante de fibra alimentaria, cunha alta capacidade prebiótica (Wells et al., 2017; Zaporozhets et al., 2014), é dicir, favorecen en gran medida o desenvolvemento de microbiocenosis intestinal beneficiosa, a cal posúe unha función inmunomodulatoria, xa que segundo Vilaplana (2015), “son capaces de actuar sobre a inmunidade adquirida e poden incluso protexer ao organismo fronte infeccións e procesos de inflamación crónica coma a enfermidade de Crohn. Esta autora destaca o importante papel dalgunhas destas cepas probióticas e pertencentes á microbiota intestinal, na redución da incidencia de afeccións respiratorias ou na severidade dos seus síntomas.

Moléculas bioactivas

Pero de tódalas características das algas coma impulsoras da saúde do sistema inmunolóxico, é preciso destacalas coma alimentos funcionais, é  dicir, alimentos que posúen, amais dos nutrientes mencionados anteriormente, outro tipo de sustancias ou moléculas bioactivas na súa composición, que dalgunha forma, producen un efecto beneficioso sobre o organismo.

Estas sustancias están presentes de forma natural nas algas, e mediante o seu consumo directo, podemos beneficiarnos das súas propiedades. Poden ser compostos de natureza diversa (polisacáridos, polifenoles, carotenoides…), moi estudiados pola comunidade científica, e empregados actualmente en farmacoloxía, debido precisamente as súas  extraordinarias capacidades e efectos beneficiosos, entre os cales se atopan funcións inmunomodulatorias ou antivíricas entre outras moitas.

Segundo Shu-Ying et al. (2017), os polisacáridos das algas mariñas “poden actuar directa ou indirectamente sobre o sistema inmunolóxico, desencadeando varias vías ou sinais, que conducen á activación do mesmo”, tanto a nivel innato coma adaptativo. Da mesma forma, estes polisacáridos poden aplicarse en terapias antivíricas, xa que posúen a capacidade de bloquear a adhesión do virus con células diana, impedindo a formación do complexo, da mesma forma que actúan virus respiratorios coma o virus sincitial respiratorio. Tamén se demostrou a súa capacidade na redución dos niveis de antíxenos en virus de distinta natureza.

As algas e os seus polisacáridos son considerados indutores fortes da resposta inmune celular e humoral

Estas conclusións, tamén son apoiadas por outros autores, coma Kuznetsova, Tatyana A. (2018), considerando as algas e os seus polisacáridos coma indutores fortes da resposta inmune celular e humoral; destacando esta capacidade antivírica, aplicada xa en tratamentos contra retrovirus coma o sida (Catoira, 1993); ou ben, inhibindo a reacción inflamatoria que se activa no sistema de complemento, conxunto complexo de proteínas plasmáticas que interveñen na resposta inmunolóxica (D. Brault, 1997).

Pigmentos funcionais coma os carotenoides presentes nas algas, estimulan e reforzan as respostas inmunolóxicas (Fernández Sáa, Clemente; 2002).

En estudos recentes de Hee Kyoung Kang et al. (2019), demostrouse que hidrolizados proteicos de algas vermellas e algas pardas, tiñan efectos inmunomoduladores e antiinflamatorios, mostrando resultados positivos no aumento de esplenocitos, linfocitos, monocitos e granulocitos en experiencias in vivo.

En definitiva, grazas as súas excelentes propiedades nutricionais e funcionais, a incorporación das algas mariñas alimentarias a unha dieta variada e equilibrada coma fonte natural de nutrientes (sumado ao coidado de aqueles outros factores esenciais para este fin), pode contribuír de forma preventiva a manter e reforzar un sistema inmunolóxico saudable, e polo tanto, a previr a probabilidade de contaxio ou de atenuación de síntomas ou doencias de enfermidades coma a Covid-19, entre outras infeccións víricas, bacteriolóxicas ou fúnxicas.

Consulte aquí as referencias.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *