O Intecmar advirte: “As canles ilegais son as que provocan as intoxicacións por moluscos”

Covadonga Salgado cumpre dez anos como directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia

En abril do 2009 Covadonga Salgado (Madrid, 1965) colleu a dirección do Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia). Esta doutora en Ciencias Químicas e Licenciada en Farmacia pola USC foi antes subdirectora xeral de Cooperación Pesqueira Internacional da Consellería de Pesca, e tamén Responsable Técnico de Análises de Bebidas do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia en Guísamo. O Intecmar contará no 2020 cun 8% máis de fondos públicos e o seu orzamento chegará aos 3,6 millóns de euros.

-Leva xa unha década como directora de Intecmar. En que pensa que evolucionaron nesta década?

-Conseguimos máis persoal, dotación e un novo edificio no que traballar sen perder as anteriores instalacións. Agora mesmo Intecmar son 3.600 metros cadrados. Ampliáronse competencias en investigación e mantivemos a rigurosidade que tiña. Tamén estamos recibindo unhas 20 visitas diarias, unhas 200 persoas, de 20 nacionalidades cada ano. Isto creo que é moi importante porque significa divulgar o valor de Intecmar e poñelo en valor. Moita xente na Galicia interior nunca escoitou falar de Intecmar. Ás veces somos só noticia cando saímos nos medios por problemas de toxinas mariñas ou por problemas de contaminación, pero nós debemos controlar a diario o que sucede. Somos un aval da seguridade alimentaria dos nosos moluscos.

-No 2020 o Intecmar vai participar en ata unha ducia de proxectos de investigación. En que medida o control do medio mariño axuda a desenvolver estes proxectos?

-Hai dúas actividades claras: por unha parte hai unha actividade moi importante de observación do océano e loita contra a contaminación mariña accidental, que pola súa orixe está vinculada a proxectos de investigación enfocados á dita loita, pero tamén as outras áreas de seguridade alimentaria e de sanidade animal que son áreas de control, producen un número moi elevado de datos de calidade e por iso participamos en moitos proxectos de investigación aínda que non os lideramos. Agora mesmo estamos en seis ou sete proxectos europeos, en tres nacionais e tres con fondos propios da Consellería. Por exemplo, estamos na vangarda de temas como o de toxinas emerxentes procedentes do cambio climático.

-Cantas análises fan aproximadamente ao ano?

-Hai que pensar que estamos falando de moluscos bivalvos que eu penso que é o único recurso que no sector primario ten unha normativa europea que esixe á autoridade competente establecer programas de control. Isto sucede porque os moluscos bivalvos, ao ser filtradores, poden acumular contaminantes químicos, microbiolóxicos, biotoxinas mariñas producidas por ocitoplancton. Iso obriga a diferentes controis para garantir a seguridade alimentaria e ao longo do ano podemos sumar 90.000 análises, con 7.000 informes dos cales uns 3.000 están vinculados a seguridade alimentaria.

-Na loita contra a contaminación mariña accidental, que se está facendo para evitala?

-É complicado evitala. No corredor da cornixa atlántica pasan cada ano 40.000 buques, uns 16.000 poden transportar mercadorías perigosas. Temos 3 redes importantes de control do medio mariño. Por un lado están as 49 estacións oceanográficas onde semanalmente tomamos datos da columna de auga, de temperatura…, por outro lado temos 6 boias no mar xunto con Meteogalicia, e tamén desde o 2011 unha nova parella de radares que completaron os dous que xa estaban postos por Portos do Estado. Agora mesmo con toda esta observación de datos podemos alimentar modelos preditivos para estar mellor preparados no caso dun incidente e saber a deriva das manchas, e saber que zonas da costa habería que protexer.

-O pasado mes de novembro, tras encallar o buque cisterna Blue Star, pensamos en que podería pasar se sucedera de novo un Prestige. Está Galicia mellor preparada que no 2002 para isto?

-Rotundamente si. O plan Camgal ten moi ben estruturado os procedementos nese caso. Temos unha mellor preparación con ferramentas para alimentar os modelos preditivos, temos un sistema de monitoreo e predición de derivas. Non estamos libres de que poida suceder esa catástrofe pero estamos mellor preparados, e toda preparación é pouca.

-Hai no sector pesqueiro conciencia de eliminar o lixo mariño que produce?

-Por suposto que si. De feito estamos traballando no proxecto Clean Atlantic no que un paquete de traballo consiste na recollida de lixo mariño por parte do sector pesqueiro. Hai que facer un labor de concienciación. O mar non pode ser un sumidoiro de plásticos porque todo iso volve a nós, co deterioro das nosas praias, pero tamén influíndo na nosa alimentación.

-Cal é a toxina que máis afecta ás augas de Galicia?

-A toxina que máis lle afecta, por frecuencia, é a toxina lipofílica. É unha toxina da que temos episodios dúas ou tres veces ao ano pero hai zonas das rías de Pontevedra que encadean episodios e poden permanecer pechadas moitísimos días. Provoca síntomas de tipo gastrointestinal, náuseas, vómitos, diarreas, pero que normalmente remiten os dous ou tres días. Temos outra como é a toxina amnésica que é particular no caso da vieira. Os outros moluscos soltan con rapidez a toxina, pero no da vieira acumúlaa e non a solta. Logo está a toxina paralizante que pode chegar a ser fatal, sería a máis grave, pero afortunadamente non todos os anos temos episodios destes.

-Hai un mito moi extendido que di que cando hai marea vermella non se pode comer nada dese lugar…

-Certo, pero isto é falso. Esta comunidade ten unha produción de moluscos enorme. Ante isto temos un sistema de control moi peculiar con moita periocidade de mostraxes, e con tres ou catro divisións segundo a especie. Se ben o bio indicador por excelencia é o mexillón porque é o máis voraz, en moitos países cando o mexillón está afectado pechan todo. Galicia non se pode permitir isto. Primeiro temos que ver cales son as zonas afectadas, e por outra, pode estar afectado o mexillón, pero as zonas de ameixas e berberechos poden estar abertas xa que acumulan dun xeito moito máis lento.

-O pasado ano aconteceu unha marea tóxica coa toxina PSP, a paralizante, nas Rías Baixas. Unha vez pasado isto que foron niveis que non se recordaban en décadas, pódese predicir que non volverá a suceder nun tempo, ou o ciclo natural é impredicible?

-Xa nos gustaría a nós poder predicir isto. O clima está mudando e iso estase a notar no mar. Nese caso a toxicidade afectou ao mexillón pero non ao resto dos moluscos. A Unión Europea indica que os moluscos bivalvos teñen o seu particular DNI. Cando nós pechamos unha zona non se poden emitir DNI nesa zona pero ademais sabemos onde vai ese produto para saber se foi analizado ou foi devolto ao mar. Agora mesmo a situación xeral en Galicia está mellorando. No Nadal ademais se incrementan as inspeccións para que non haxa prácticas fraudulentas. O consumidor que adquire moluscos bivalvos por unha canle legal non ten problema, as canles ilegais son as que provocan intoxicacións por moluscos”.

-Iniciouse agora un estudo a dous anos vista da biomasa dispoñible, é dicir, da captura que se pode facer de vieiras e volandeiras. Saber cantas hai non significa que se poidan coller e a proba é Ferrol onde nos dous últimos anos só puideron abrir catro días para recoller vieiras. Ten vías de solución este problema?

-Eu lamento o que está a suceder na ría de Ferrol. A confraría ferrolá montou a súa propia planta de evisceración pero lamentablemente os niveis da toxina amnésica non só non diminuíron senón que están a crecer. Agora estamos vendo se somos quen de pedir cambios lexislativos para poder extraer esa vieira. A toxina queda acumulada nas branquias e o páncreas, pero isto pódese eliminar nas plantas de evisceración. Logo hai un control do produto final e os niveis que se están atopando son moi baixiños comparados co límite legal. O cambio lexislativo sería amosar os datos históricos de comercialización da vieira e ver que se está a sobreprotexer probablemente ao consumidor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *