O ‘Oscar’ mundial dos queixos foi para Sarria

Queserías Sarrianas conseguiu no 2019 o recoñecemento nos World Cheese Awards como un dos 84 mellores queixos do mundo tras obter outras dúas medallas en edicións anteriores

A fábrica de Queixerías Sarrianas en San Salvador do Mato (Sarria)

Neste ano que xa remata, en Queserías Sarrianas veñen de gañar o que se pode considerar como os Oscars dos queixos, os World Cheese Awards, no que obtiveron unha das 84 medallas Súper Ouro que se conceden a queixos de todo o mundo. Co seu Queixo de Tetilla DOP obtiveron un premio que se lles resistira ata o de agora, xa que en anos anteriores obtiveran un ouro e unha prata. Este galardón supón un gran aliciente para todos os traballadores desta empresa situada na parroquia de San Salvador do Mato (Sarria), despois de que outros queixos galegos conseguiran tres ouros, unha prata e once bronces.

Esta queixería foi fundada no ano 2003 por Eva Castro, que é a actual directora de produción, xunto a outros tres socios. “Esta é unha zona rica en leite, e por aquí non había queixerías, e de aí xurdiu a idea de empezar coa empresa”, apunta. Ao longo destes 16 anos de vida foi medrando de tal forma que triplicou o seu número de traballadores desde os seus inicios, e experimenta un crecemento anual que varía entre o 8 e o 10%. Agora mesmo están centrados na produción de queixos con 6 variedades (tetilla, tipo galego, mestura de vaca e ovella, cabra, ovella curado, de barra) e tamén fan manteigas.

A súa produción está agora aproximadamente nos 210.000 quilos de queixo ao mes, con leite procedente de diferentes gandeiros da zona de Sarria e da Terra Chá, e de Castela León para o queixo de ovella e cabra. Procesan unha media de 50.000 litros de leite de vaca diarios, dependendo do momento do ano, xa que hai etapas, como esta próxima do Nadal, na que experimentan unha carga de traballo incluso maior. Tamén aumentan a súa demanda nos meses en que chega o bo tempo, como en maio ou no verán. “Normalmente adaptamos as compras segundo as vendas”, apunta Eva Castro.

Eva Castro seleccionando queixos

Eva Castro seleccionando queixos

O proceso do control da produción, cando se fala de cifras tan elevadas, obriga a unha comprobación da materia prima desde a súa orixe no produtor do leite, ata as vendas, saber onde foi parar cada queixo. O proceso de fabricación, desde que chega o leite, ata que está o queixo rematado, dura unhas dez horas. Recollen o leite todos os días do ano, polo que a materia prima que empregan para facer o queixo, é leite do día. É no laboratorio onde fan as analíticas e o control de calidade do leite de cada camión. Tras pasar por todo o proceso de elaboración do queixo, e do tempo de espera de cada variedade, os queixos saen para ser distribuídos a través dunha rede de comercialización na que hai distribuidores, grandes superficies e tamén algún que outro punto de venda en tendas pequenas. As porcións de venda fóronse reducindo, porque tamén as familias son máis pequenas. O queixo de ovella ten moi boa saída, despois de que gañara varios galardóns nos últimos anos, como o terceiro premio do Salón Gourmets de Madrid no 2018. Neste caso, o leite que mercan depende moito da demanda dos seus clientes.

No 2018 o seu queixo de ovella obtivo o terceiro premio do Salón Gourmets de Madrid

A colaboración con Francisco Martel foi moi importante para Queserías Sarrianas. Entrou como socio no 2004, e este importante produtor de queixos en Canarias aportou a súa veteranía no sector. “É un piar da nosa empresa. Conta con 40 anos de experiencia na venda de queixos e iso axudounos moito”.

Agora mesmo, Queserías Sarrianas logrou un nivel de competitividade moi elevado grazas a alta presenza no mercado nacional. Pero tamén conseguiron vender lonxe de España, en lugares como Dubai ou Estados Unidos, onde vai a súa tetilla, ademais do mercado europeo (Reino Unido, Alemaña, Italia…). Eva Castro asegura que cun bo produto “pode custar, pero sempre tes as portas abertas”. O inicio dunha relación cunha cliente admite que supón un esforzo, pero despois “se te moves e insistes na calidade, acabas entrando. Hai bastantes queixerías galegas que xa conseguiron exportar. A nós o que nos custa é ser profetas na nosa terra. Non é que non vendamos, pero quizais aínda poderiamos crecer moito máis”.

Ata onde pode medrar Queserías Sarrianas? Esa é a gran pregunta, porque desde a súa inauguración xa tiveron que ampliar as súas naves ata en dúas ocasións. “Para iso teremos que nos expoñer, e niso estamos, en crecer. Estamos facendo melloras desde os inicios. Case triplicamos o que era a empresa cando naceu”, apunta unha das fundadoras. Isto reflicte ben as necesidades de produción que manteñen. O desexo para o 2020 que xa está a piques de chegar, non é outro que o de poder seguir “colaborando co sector gandeiro e creando postos de traballo para a comarca de Sarria, que fan moita falta”. Eva Castro recoñece tamén que “nos gustaría gañar todos os anos un súper ouro”. Quizais as dúas cousas vaian unidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *