Primeiro whisky en barricas de augardente galega

DStills propón unha bebida espirituosa de autor na súa destilería de Vedra en Santiago de Compostela

Juan Marqués catando o seu whisky galego na destilería de DStills en Vedra (Santiago de Compostela)

En Vedra (Santiago de Compostela) estase a facer un whisky galego. O primeiro feito en barricas de augardente anella galega. Nesta destilería xa fixeran antes outras subcategorías de destilados, como a xenebra Platu, ou a Nordés. Agora a través de DStills están facendo este whisky, do que veñen de lanzar 5.000 botellas, nas que se emprega toda a materia seca de reciclaxe: o vidro, a etiqueta feita con po de pedra e a rolla natural.

O impulsor deste whisky é Juan Rodríguez-Marqués. Este santiagués constitúe a cuarta xeración dunha familia adicada ao sector das bebidas espirituosas. En 1888 seu bisavó iniciouse neste negocio, e logo seu pai foi o fundador da coñecida empresa de licores e augardentes Rúavieja. Juan tomou o testemuño e creou destilados como Nº0 que, no seu día, xunto coa primeira xenebra galega, a Platu, vendeu ao ex presidente do Celta Horacio Gómez, propietario daquela de Disgobe.

Uns anos despois Juan marchou a vivir a Estados Unidos, onde comezou a desenvolver proxectos de destilados e coñeceu o concepto craft dos artesanais que entón comezaba a estar en auxe. Tras asesorar a destilerías en Europa, EEUU, México ou Colombia, Marqués fundou no país americano o grupo DStills e trasladouno a España no ano 2016 a través de locais propios e asociados. O proxecto empresarial xurdiu en Austin (Texas) e supón unha continuación e consolidación das cervexas artesanais. Fabrican destilados de autor. Teñen unha familia de bebidas que van desde as xenebras infusionadas ata o whisky con maceración de chocolates no que se meteron xa hai uns meses.

Juan Marqués cunha das 5.000 botellas de DStills que puxeron á venda

Juan Marqués cunha das 5.000 botellas de DStills que puxeron á venda

A idea de facer destilados artesanais xurdiu cando Juan Marqués vivía en Ohio (Estados Unidos)

Así como coa xenebra e co vodka produciuse unha renovación completa do mercado, Juan Marqués entende que tanto no whisky como no ron as marcas seguen sendo as mesmas de sempre. “Por iso entendiamos que para crecer nesta subcategoría era importante facer algo de autor”. O whisky que mercan vén de Escocia; un é de malta de 8 anos ao 15%, e outro un blend, que é un whisky de gran que vén sendo de entre 3 e 6 anos.

Pero a clave para que o whisky teña un sabor diferente ten que ver con dúas fases. Por unha parte, a auga que se emprega na súa mestura co cereal. Consideraron que a auga dos mananciais galegos podía enriquecer este destilado. E a segunda fase é a utilización de barricas, que é o que lle dá un matiz ou outro. Tradicionalmente utilizábanse barricas de bourbon ou coñac, e ultimamente tamén de brandy e de xerez. Pero o que nunca se fixera era afinar o whisky con barricas que tiveran augardente galega anella.

Buscará un oco en mercados de Portugal, Francia, República Checa e Bélxica, así como en diferentes países de América

O que aporta os matices ao sabor do whisky é esta fase do tempo en barrica, e neste whisky de DStills empregáronse barricas que durante oito anos gardaron augardente da casa. Os matices que lle aporta o bagazo, a augardente, despois de estar 8 anos nas barricas, fan que se poidan distinguir neste whisky galego toques “de tofe, caramelo, mel, notas de vainilla, que fan que teña un sabor máis suave, incluso doce, non tan adstrixente. Isto fai que Galicia aporte ao mundo do whisky algo diferente”. Pon como exemplo os grandes whiskys, como o de McCallan. Explica que “a súa aportación está na barrica, onde os anos de envellecemento e os matices son os que dan un sabor ou outro para que os catan o whisky”. Tamén depende moito da madeira. Galicia leva tempo achegando os castiñeiros galegos aos mellores whiskys do mundo, como Jameson.

No mundo dos destilados o whisky é o número un a nivel mundial, aínda que isto non sucede en España, onde ten máis presenza a xenebra. Por iso, segundo a análise que realiza Juan Marqués, “cada vez que sae algo novo, o mercado está moi pendente”. O grupo DStills, con sede en Vigo, pretende conseguir un oco en mercados de Portugal, Francia, República Checa e Bélxica, así como de diferentes países de América. O prezo de venda ao público deste whisky vai ser de 17,95 euros o que o sitúa entre un segmento moi competitivo. Non vai acabar aquí o seu camiño de experimentación nos destilados, e xa anuncian que na entrada do 2020 terán un produto novo, tamén vencellado a Galicia, e que vai supoñer unha novidade a nivel mundial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *