Unha pequena adega de Sober (Lugo), a Adega D’Fran, sorprendeu a todos na Ribeira Sacra ao decidir experimentar cun dos seus viños, o Essencia Romana, e somerxilo a unha profundidade de 15 metros baixo as augas dun encoro no río Sil. A idea era acelerar o proceso de envellecemento do viño grazas aos cambios de presión atmosférica que se producen. Que a auga fixese o papel das barricas, pero sen a madeira polo medio.
As botellas foron introducidas nunha gaiola metálica provista dunhas baleas tamén metálicas a modo de cuñas, para encaixala no leito do río e evitar que puidesen ser arrastradas pola corrente. Non era fácil, porque son 500 quilos de peso.
Daniel Díaz foi o ideólogo deste experimento e recoñece que xurdiu para cambiar a dinámica do que “fai todo o mundo”. Antigamente metíase moito viño nos pozos e quedaba alí macerando. Así que o primeiro que fixeron foi meter o viño nun pozo. De aí naceu a idea de metelo no río. Primeiro probaron seis meses, que se converteron en nove posteriormente. Gardaron un par de botellas na adega e outro par no río, e comprobaron que cando está nove, dez ou once meses a mellora é espectacular. “Probámolo varias veces por se cadrou que fora casualidade, pero non. O estilo é como macerar en barrica pero sen levar madeira. Fixemos unha gaiola e metémola no río. Levámola a unha parte profunda do río, sobre uns 15metros, e tal cal entrou o viño no río é como se está a vender”, comenta o adegueiro de Vilachá de Doade.
Nas caixas nas que subían as uvas do viñedo baixan o viño e admite que lles custa máis baixar que subir, pola dificultade de facelo a man. O esforzo que pasan os adegueiros para conseguir este envellecemento natural provoca que o prezo de mercado destas botellas sexa de 80 euros. “O prezo pode parecer caro, pero é un viño que ten ano e medio antes de entrar no río, unha etiqueta especial que precinta toda a botella e que leva relevos. Todo son incrementos, non decidimos este prezo de 80 euros porque si”.
Contactos con Martín Berasategui
A primeira idea era meter o viño nunhas botellas que teñen de Martín Berasategui, que levan un decantador propio dentro da botella. No río rachaban, polo que tiveron que variar de recipientes. Para vender un produto tan exclusivo como un cliente específico. “Sei que con ese viño podemos chegar a clientes que non puidemos alcanzar con outros que temos, e oxalá con isto tamén consigamos que a Ribeira Sacra obteña máis sona”, afirma Daniel Díaz. O viño somerxido no Sil vai ir ao Comité de cata do restaurante tres estrelas Michelín de Martín Berasategui. “Se o viño o merece estará nese restaurante”, afirma o produtor, que recoñece que contaban con ter máis stock, pero que a venda está a ser espectacular.
Actualmente esta adega produce 18.000 quilos de uva, pero non sobrepasan os 12.000 nos seus viños, dos que van sacar uns 8.000 litros neste 2020. O viño pasa un ano nun depósito de aceiro, despois seis meses na botella, e logo os nove meses no río. Agora, no mes de decembro, van facer unha nova quenda e en setembro sacarán a seguinte remesa, composta por 350 botellas de mencía que sairán tamén das augas do Sil.
A auga do encoro ten unha temperatura moi estable durante todo o ano, sobre uns 16 graos. Non está fría. O que si hai é unha variación na presión. Tiveron que poñer unha etiqueta especial para que puidese aguantar se era necesario ata dous anos, e ademais leva unha rolla sintética porosa. Para o ano teñen idea de probar co que chaman a flor da cortiza. “Pensamos que lle pode dar un toque especial”.
Deixa unha resposta