Unha xanela aberta á innovación gastronómica

Boísimo nace para difundir a riqueza da investigación, do produto e da cociña de Galicia

A gastronomía é unha parte esencial da cultura dun país. Dítao o sentido común e sanciónao a lei. En concreto, a de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial de 2015, que dota no seu artigo 2 á gastronomía, as elaboracións culinarias e a alimentación dunha protección blindada pola Constitución.

GCiencia, un portal dedicado desde a súa creación á difusión da ciencia entre un público non especializado, cre tamén na divulgación da gastronomía entendida como un coñecemento máis. É unha convicción á que chega a través do día a día do seu relato xornalístico, repleto de contidos que dan conta da potencia da investigación no ámbito da alimentación. Pero non só iso, porque a gastronomía, e en concreto a galega, é tamén fonte inesgotable de creatividade e de simbolismo; é turismo, industria, integración e sustentabilidade; é, en definitiva, unha das manifestacións humanas que máis fielmente reflicten os nosos costumes e tradicións.

Non hai mellor forma de coidar ese patrimonio que contribuír á súa divulgación. Esa é a idea coa que nace Boísimo, o novo portal gastronómico que hoxe estrea GCiencia, unha revista que pretende ofrecer unha nova mirada ao mundo da alimentación. Porque Boísimo non será un envoltorio de receitas nin unha colección de reportaxes sobre alimentación como os que abundan nas seccións específicas dos medios xeneralistas. Quere ser moito máis, porque aspira a reflectir o mundo da gastronomía e da alimentación a través das súas máis variadas proxeccións na nosa vida diaria.

Falar de gastronomía, practicala e, en definitiva, divulgala son os obxectivos de Boísimo, o portal de cultura gastronónica de GCiencia

Como portal integrado na oferta informativa de GCiencia –Premio Prismas 2019–, Boísimo é un proxecto eminentemente xornalístico que prestará, como é lóxico, unha atención moi especial á vertente científica. Diso trata de forma específica a súa sección Saber, na que encaixan os contidos relacionados cos múltiples foros nos que o coñecemento se asocia coa alimentación. Conta Galicia con institucións que realizan unha investigación punteira, moitas delas públicas, da Misión Biolóxica de Galicia ao Centro de Investigacións Agroalimentarias, pasando polo Instituto de Investigacións Mariñas; pero tamén privadas, froito da potente industria alimentaria da que pode presumir o país.

O factor social da gastronomía será abordado na sección Vivir. Nesa visión encaixa a integración. Para empezar, desde unha perspectiva de xénero, que, lonxe dos clichés tradicionais, reflicta a enorme importancia da muller na alta cociña e do home na cociña doméstica. Pero tamén desde a defensa da diversidade e da convivencia intercultural. Abordaranse así os menús dos comedores escolares, os obradoiros culinarios dos centros penais, o feito culinario para persoas con diversidade funcional e a agricultura e a gandería como elemento de desenvolvemento territorial, para a recuperación demográfica das zonas despobladas ou para a xeración de identidades comunitarias a través do patrimonio inmaterial.

Boísimo é un proxecto concebido para difundir a riqueza da investigación, do produto e da cociña de Galicia

O produto, outro dos acenos de identidade da gastronomía galega, contará tamén cun apartado específico nos contidos de Boísimo. Será a través de Mercar, onde se poderán atopar os exemplos da mellor materia prima e a variada oferta da nosa industria do alimento. Non só a de maior tamaño, senón sobre todo a de maior mérito.

E por suposto, os cociñeiros. Eles son os grandes prescritores do produto e da investigación de Galicia, e como tales serán os protagonistas da sección Cociñar. Desde esa xanela contarannos os seus proxectos, relataránnos as súas vivencias e ensinarannos as súas receitas, algunhas de tanto valor como as da serie Estrelas Saudables, nas que cociñeiras que lograron a distinción Michelin, como Lucía Freitas, Bea Sotelo ou Iria Espinosa, revelarán os seus pratos máis beneficiosos para a saúde.

Boísimo, que nace co apoio da Deputación da Coruña, a través do seu programa de proxectos singulares de especial interese cultural, ofrecerá moito máis, como exemplos de cociña de proximidade ou quilómetro cero. Ou a opinión de firmas como a de Domingo Villar, pai da serie de novelas policíacas dun personaxe tan vinculado á gastronomía como Leo Caldas. Ou un Gastrocedario no que será posible coñecer o léxico propio da gastronomía en galego, o idioma de referencia de GCiencia e do novo portal. Ou os consellos sobre nutrición de Amil López, unha autoridade na materia, a través da serie de videoconsellos Xantar Coherente. Sen descoidar a actualidade no campo da gastronomía e coa linguaxe audiovisual como principal apoio.

Falar de gastronomía, practicala e, en definitiva, divulgala son os obxectivos de Boísimo, o portal de cultura gastronómica de GCiencia, un proxecto creado para difundir a riqueza da investigación, do produto e da cociña de Galicia.

Segue a Boísimo nas súas redes sociais:

 

 

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *