A abraiante historia do leite que elimina molestias dixestivas

Unha investigación en Nova Zelandia abriu paso ao A2A2, o novo tipo de leite que reduce os problemas metabólicos que experimentan algunhas persoas ao consumir lácteos

Cando unha persoa sente molestias dixestivas ao consumir leite ou lácteos, pensa nunha posible intolerancia á lactosa. Non obstante, as investigacións científicas demostran que non sempre esa é a causa ou a única causa. A betacaseína A1, unha proteína presente no leite convencional, aumenta os síntomas inflamatorios e os problemas de dixestión. Para solucionalo, en Nova Zelandia descubriron hai 20 anos que é posible producir un leite natural que carece da betacaseína A1. É o leite procedente de vacas A2A2.

Falamos con Gerardo Caja, profesor emérito e catedrático de Producción Animal na Universidade Autónoma de Barcelona. En colaboración coa Universidade Pública de Navarra, Caja desenvolve unha investigación dirixida por Javier Such e Buenaventura Guamis para recoller datos sobre as granxas actuais e o novo tipo de leite que pode revolucionar o mercado, o leite A2A2, que xa se comezou a comercializar en Galicia e no resto de España.

“Hoxe sabemos que a intolerancia á lactosa a nivel global non chega ao 4%. Depende do grupo de poboación: posiblemente en Galicia exista menos intolerancia á lactosa que noutras culturas nas que tradicionalmente non había animais que muxir. A cuestión é que, cunha porcentaxe tan baixa de intolerancia á lactosa, non se explica a cantidade de problemas que a xente di ter polo leite”, sinala Caja.

Só en España, segundo os datos dun estudo da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), un terzo da poboación experimenta molestias dixestivas consumindo leite.

Naturalmente máis dixerible

En Nova Zelandia, decatáronse de que unha proteína presente no leite, a betacaseína A1, estaba na raíz dos problemas. As dúas variantes máis importantes de betacaseínas son a A1, derivada dunha mutación xenética nas vacas que ocorreu hai arredor de 10.000 anos, e a A2, a variante orixinal ou primitiva. Así, o leite A2A2 sería aquel que sae dunha vaca con xenes A2 do pai e xenes A2 da nai, considerándose A2 pura.

“As vacas sempre tiveron a betacaseína A2, pero tras ir seleccionando ás máis produtivas, acabou dominando a betacaseína A1. Por iso, durante moito tempo pensouse que estas vacas eran máis produtivas, pero parece que é simplemente unha casualidade. Esta variante A1 é a que parece xerar problemas metabólicos no ser humano” sinala Caja.

A betacaseína A1 está asociada especialmente ás vacas frisoas, a principal raza produtora de leite, xa que outras razas, como a xersei, a limousin ou a charolesa, seguen tendo un leite A2, o mesmo que outras especies produtoras de leite, como ovella, cabra ou búfala. Tamén o leite materno humano é A2, polo que no sector lácteo considérase que o leite A2 é o leite de continuación máis axeitado na etapa infantil.

Os transtornos dixestivos asociados á betacaseína A1 explícanse porque, ao dixerir o leite, no caso da variante A1 prodúcese na dixestión un péptido que os investigadores denominan beta casomorfina 7 (BCM7): “Esta denominación vén de morfina, porque ten unha estrutura e unhas propiedades moi similares. É un opioide e algúns corpos reaccionan mal a el”, explica o profesor.

Unha revolución de mercado

Agora mesmo, cos estudos que hai feitos en China e Nova Zelandia, a conclusión é que o leite A2 é sempre mellor aceptado que o leite A1 por xente que non é intolerante á lactosa, pero que presenta problemas dixestivos e metabólicos cando consome leite. A nosa intención é reproducir en España estes estudos con células de tecido intestinal, para ver as repercusións do BCM7”, explica o catedrático.

“Está ben que se fagan investigación públicas, como as que facemos aquí, para que non existan dúbidas sobre posibles conflitos de interese nas investigacións financiadas por empresas que venden leite A2A2”, valora Caja.


Un leite galego, o primeiro lanzamento A2A2 a gran escala en España

Deleite converteuse no verán do 2021 no primeiro leite A2A2 que se comercializou en España a gran escala, levando á marca galega a posicionarse como un referente na innovación. O lanzamento supuxo unha verdadeira revolución dende o sector productor e un fito a nivel europeo.

Deleite pertence a Leite Noso, unha sociedade, participada polas granxas máis innovadoras de Galicia. A sociedade creouse no 2016 co obxectivo de asumir a transformación e comercialización do leite das súas granxas proveedoras, buscando na innovación do leite A2 unha alternativa de rendabilidade.

Dende a sua creación, Leite Noso comezou a seleccionar nas súas granxas as vacas A2A2, que só producían o leite A2. Foi unha selección que se fixo cunha simple análise xenética de cada animal. Iso permitiulles ir facendo unha selección natural de vacas nos últimos anos.

Así, Deleite A2A2 comezou a comercializarse en setembro do 2021, posicionado nos liñais dos supermercados ao carón dos leites convencionais. “Na actualidade, os leites convencionais de vaca conteñen unha mestura de proteínas A1 e A2. O leite A2 só contén a proteína A2, máis facilmente dixerible, polo que senta ben e resulta máis saudable. Por iso en Deleite escollemos de xeito natural as nosas vacas, as A2A2, para poder beneficiarnos dun leite naturalmente máis dixerible, libre de proteína A1″,  explican desde Leite Noso.

Deleite exporta desde o 2021 leite en po A2 para alimentación infantil, pois é un produto con moita demanda a nivel internacional

A firma subliña que Deleite  pasou a ser só é unicamente leite A2, “un leite máis saudable, con maior calidade e sabor”.

Leite Noso, ademais, comercializa e exporta desde o 2021 leite en po A2 para alimentación infantil. “É un orgullo poder dicir que desde o sector productor galego contribuímos a que nenos e nenas poidan consumir desde pequenos leite libre de proteína A1”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *