A sostibilidade medioambiental a medio prazo é tamén un reto para o sector vitivinícola. Así, Terras Gauda encara este desafío futuro avanzando en aqueles proxectos de investigación relacionados coa preservación da contorna, co fin de conservar e potenciar o seu legado vitivinicultor. A adega rosaleira vén de rematar os dous primeiros anos do estudo BETTERSOIL, un proxecto levado a cabo en colaboración coa bodega arxentina Finca Von Wigstein (Alpamanta), que practica a vitivinicultura biodinámica.
O interese do estudo radica en demostrar que as técnicas de intensificación ecolóxica melloran a biodiversidade do chan e, en consecuencia, a saúde e produtividade das vides. Para iso, os métodos aplicados son variados: osixenación precisa do chan e das cepas, uso de diversas cubertas vexetais, eliminación manual de brotes superfluos e abonado exclusivo con vermicompost, entre outros.
Grazas a estes, o director enolóxico, Emilio Rodríguez Canas, explica que puideron “comprobar unha serie de melloras fundamentais no viñedo, que evidencian un avance positivo no estado sanitario do noso cultivo. O contido en clorofila das follas das vides da parcela de intensificación ecolóxica foi maior que na de control, o que se traduciu nunhas plantas máis vigorosas, máis sas e resistentes de forma natural ás enfermidades. Tamén a produción de uvas foi superior”. Así mesmo, os resultados preliminares constatan diferenzas na calidade das uvas e no perfil aromático do viño, que destaca polos seus equilibrados matices en boca.
Resultados
Ao levar a cabo un proceso de vinificación por separado das uvas do ensaio e das da parcela de testemuña, o viño obtido do viñedo tratado con técnicas de intensificación ecológica foi seleccionado preferentemente nas catas cegas realizadas por expertos en 2020 e 2021. Os motivos: o seu perfil aromático e o seu equilibro de matices en boca. Isto confirma que unha maior biodiversidade nos chans inflúe positivamente no resultado final do viño, se ben as diferenzas cualitativas son aínda pouco relevantes.
Por iso, a adega afronta o último ano de BETTERSOIL co obxectivo de dispoñer dos resultados das tres campañas, que proporcionarán solidez ás primeiras conclusións do proxecto. Con todo, o maior valor científico achegarao a comparativa entre os datos de rendemento obtidos na bodega do Rosal, no Hemisferio Norte, fronte á situada no Hemisferio Sur, non só polas diferenzas climáticas, senón tamén nos chans, as variedades e os procesos de elaboración.
Iniciativa europea intergubernamental
BETTERSOIL desenvólvese no marco de EUREKA, iniciativa europea intergobernamental. Conta co apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) cunha axuda cofinanciada de fondos FEDER da UE, superando o orzamento total os 700.000 €. O proxecto lévase a cabo coa Universidade de Vigo, representada polo Catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jorge Domínguez Martín, e tamén colabora o Instituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria (INTA) de Mendoza (Arxentina).
Deixa unha resposta