O territorio que ocupa o Ribeiro préstase desde moi antigo á cultura vitícola. Hai zonas de Galicia onde este tipo de viño non se pode cultivar, ou no caso de cultivalo, o que se obtería sería dunha moi baixa calidade. Na Idade Media na zona de Viveiro ou Ribadeo tamén cultivaban viño, pero non tiña, nin de lonxe, a calidade do que se facía na zona de Ourense. A partir destes factores naturais, como o clima, solo, orientación, ou dos vales que ten o Ribeiro, con Arnoia, o Avia, Arenteiro, tras estas cuestións físicas, aparece como decisiva a participación humana.
María Luz Ríos, profesora titular de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela, explica que desde comezos da Idade Media, como así corroboran os primeiros documentos do século X, existía unha ocupación humana moi antiga neste territorio. O primeiro documento do que hai constancia é do ano 928, dos condes Álvaro e Savita; unha copia del está exposta precisamente no Museo do Viño de Galicia. Nel contan que cando fundan o mosteiro de San Clodio, xa lle donan unhas viñas entre outros moitos bens.
O centro fundamental para a distribución era Ribadavia, pero como se perdeu a documentación desta vila, co que se conta é con documentación eclesiástica dos grandes dominios monásticos de San Clodio e Melón, e ademais, outros señoríos que teñen terras e están próximos, como Oseira, Celanova ou a propia catedral de Ourense, xa que o bispo tamén tiña terras alí. Pero incluso Aciveiro, Carboeiro, Meira, Sobrado ou Antealtares e Pinario de Santiago, eran mosteiros que non tiñan posibilidade de facer bos viños na súa zona, pero que posuían propiedades no Ribeiro, que recibiron fundamentalmente por doazóns.
A documentación eclesiástica dos grandes dominios monásticos é a que nos permite afondar no percorrido do Ribeiro
Estes dominios monásticos eran os grandes propietarios, o que podiamos chamar os adegueiros de agora, pero necesitaban que alguén traballara a terra. Por este motivo fan contratos cos campesiños, para que cultiven esta terra. Os contratos agrarios máis comúns eran os foros, que eran contratos de moi longa duración. Iso favorecía ao propietario, pero tamén ao cultivador, xa que os podía transmitir como se fosen da súa propiedade, podía traspasalos aos seus herdeiros. E como se agora puidésemos transmitir aos nosos sucesores os contratos de aluguer dun piso. Como a documentación da época que temos é señorial, pensamos que todo era señorío, pero tamén existían pequenos propietarios de viñas, que eran campesiños.
Nos séculos XIV e XV, cos documentos que hai, pódese comprobar que o Ribeiro tiña xa unha consolidación como viño de calidade, de tal xeito que se pode falar de que existía unha denominación de orixe, sen un consello regulador, pero si en canto a que era recoñecido como tal. Ribadavia actuaba como centro distribuidor deste viño, que era destinado sobre todo a Santiago, un dos grandes mercados, así como aos portos marítimos de Pontevedra, que podían colocar ese viño en lugares da península, e en territorios internacionais como Inglaterra ou remitilo aos condes de Flandes. Para o pequeno que era o territorio do Ribeiro, tiña unha gran fama, e unha calidade que o facía exportable.
Jean Froissart, cronista da Guerra dos Cen Anos, falou deste viño nas súas crónicas
Os ingleses ao mando do Duque de Lancaster entraron en Galicia pretendendo defender os dereitos da muller do Duque ao trono de Castela. Nas crónicas de Jean Froissart -cronista da Guerra dos Cen Anos entre Francia e Inglaterra- falaba dos viños do Ribeiro. Cando conta os saqueos que fixeron en Ribadavia, refírese aos viños que se levaron dicindo que “eran tan fortes e tan ardentes que os ingleses non podían bebelos, e cando bebían demasiado non podían servirse ben dous días despois”. A interpretación que fai María Luz Ríos é que os viños eran tan bos de sabor que os ingleses bebían máis do que debían.
Maioritariamente o viño que se pedía desta zona era branco, na Baixa Idade Media empezan a aparecer nos documentos peticións de tinto. Queda reflectido que os mosteiros reclamaban aos campesiños. “A bica do lagar e a ollos do noso monxe, é dicir, tiñan no lugar a un monxe que estaba controlando como se estaba facendo o viño para coller a renda proporcional da colleita” comenta a profesora, que atopa moi curioso que os monxes andaran en época de vendima polas vides controlando o que se recollía.
Naquela época os monxes facían de adegueiros mentres os campesiños coidaban das súas vides
A necesidade do viño pode explicarse tamén por outros dous motivos. Por un lado, naquela época o viño era un alimento. “Ata hai moi pouco ese concepto podíase atopar nas nosas vidas, xa que non se consideraba só unha bebida, nas aldeas tamén era un alimento, dábase aos enfermos e aos nenos, coas sopiñas ou as castañas. Por outra banda, estes señoríos eran eclesiásticos e necesitaban tamén o viño para a liturxia”, apunta a historiadora medieval.
Algunas conclusións da profesora da USC quedan plantexadas en forma de interrogantes: era o cultivo do viño o que realmente querían facer os campesiños, ou foi unha imposición dos propietarios? “Tería máis lóxica que preferisen plantar castañas, e non un traballo sacrificado como as vides, das que hai que estar pendentes todo o ano”, conclúe.
Deixa unha resposta